Estás aquí: Inicio » No Día da Saúde En Marea reclamamos que os bancos rescaten á xente
Con motivo da fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS), cada 7 de abril conmemórase o Día Mundial da Saúde.
Dende En Marea aseguramos que a emerxencia sanitaria que padecemos constata que só unha sanidade pública, fóra das leis do mercado, administrada e financiada polo sistema público, é o suficientemente forte como para protexer a toda a poboación de xeito xeneralizado.
Nestes momentos de confinamento, instamos a manifestarse enchendo fiestras e balcóns de sabanas e panos brancos e de debuxos reclamando sanidade pública, esixindo que non falten EPIs, nin test de diagnóstico, que se empreguen todas as instalacións, material e persoal dispoñible, xa sexa de centros públicos ou privados.
Agradecemos o esforzo e sacrificio que realiza todo o persoal que está en primeira liña fronte a esta pandemia, tanto sanitario, como persoal que cubre os servizos esenciais, asegurando que cando isto pase, será o momento de esixir responsabilidades a quen durante anos recortaron en sanidade e provocaron que esta situación sexa inda máis dura por falta de recursos.
É hora de que os bancos rescaten á xente.
Demandamos tamén que os bancos devolvan o diñeiro co que os rescatamos na última crise financeira, na que contribuímos a facelos viables, pois neste momento, é prioritario retribuír ás persoas que daquela contribuíron a salvar a banca.
A economía precisa diñeiro xa, as familias precisan diñeiro e as traballadoras o seu soldo. Esta loita é de todas, e tamén os bancos deben contribuír na loita contra o coronavirus.