En Marea vota contra o plan de traballo da comisión especial dos incendios ao ser rexeitadas as súas principais aportacións

Estás aquí: Inicio » En Marea vota contra o plan de traballo da comisión especial dos incendios ao ser rexeitadas as súas principais aportacións

En Marea vota contra o plan de traballo da comisión especial dos incendios ao ser rexeitadas as súas principais aportacións

Vídeo de Luís Villares: https://youtu.be/5S4SQGbgO8s

Audio:  https://i.gal/DiM9V

Santiago, 27 de decembro de 2017.-  En Marea votou en contra do plan de traballo da comisión especial sobre os incendios forestais porque o PP rexeitou as principais aportacións en auditorías, comparecentes e informes invalidando así a proposta realizada por EM para que esta fose unha comisión “cun cualificado perfil técnico e coa capacidade de facer o diagnóstico sobre o situación real do rural galego e ofrecer as solucións necesarias para o futuro”, segundo sinalou Luís Villares. A intención de En Marea de que esta comisión especial fose máis alá da política forestal e dos lumes e se ocupase da ordenación do territorio para chegar á causa estructural dos lumes foi rexeitada polo PP que non quixo asumir as auditorias propostas por EM e tampouco quixo escoitar aos expertos en territorio. Outra das razóns fundamentais da negativa de En Marea a secundar o plan de traballo da comisión foi que o PP non quixo admitir nas comparecencias a ningún dos colectivos profesionais que participaron no operativo de extinción na vaga de lumes de outubro.

Entre os motivos que xustifican a negativa de EM ao plan de traballo proposto inicialmente polo PP e asumido pola mesa da comisión como se fose propio, están as negativas do PP a realizar as auditorías solicitadas: “nos queríamos unha auditoría do que fixo durante estes anos a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, auditoria que nos foi negada a pesar de que o seu máximo responsable, Fernández Couto está imputado“, tal como explicou o voceiro.  Dentro das propostas de En Marea tamén figuraba unha auditoría do “funcionamento dos plans de emerxencias e riscos forestais que tampouco foi admitida”.

Tamén foi denegada polo PP a “comparencia das traballadoras e traballadores dos corpos de extinción que actuaron durante o domingo negro e tamén denegado“. No mesmo sentido se vetou a comparencia dos representantes dos traballadores e traballadoras do servizo do 112. Tamén se opuxo o PP á comparecencia de expertos en cambio climático. No catálogo de negativas do Partido Popular tamén figuran a petición de En Marea a contar coa presenza en comisión dos expertos en gandeiría e pastos e os expertos en alternativas de explotacións agrogandeiras.

Para En Marea, o plan de traballo tiña que ser útil para que os expertos máis cualificados puidesen realizar primeiro un diagnóstico da situación e logo ofrecer solucións para a situación real do rural en Galicia. Diagnóstico e solucións que necesariamente tiñan que estar formuladas con carácter integral en en clave de ordenación do territorio. A ordenación do territorio é un argumento que EM considera fundamental para entender os lumes en Galicia, pero que vai moito máis alá da política forestal. Neste sentido, En Marea considera frustrante que o PP negase a presenza na comisión de expertos xeógrafos nesta comisión que ofrecesen unha visión da evolución do territorio en Galicia nos últimos anos. Todas estas negativas por parte do PP evidencian a imposibilidade para que En Marea respaldase o plan de traballo proposto polo Partido Popular.

A todas estas negativas hai que sumar aínda o rexeitamento do PP a que comparecesen representantes sindicais dos sectores agrogandeiros e sindicais, así como os responsables de colectivos ecoloxistas.

Tamén explicou Luís Villares que para EM esta comisión tiña que ser eminentemente técnica, con especialistas de todos os ámbitos e “buscando un coñecemento real das causas dos incendios e unha solución integral para darlle futuro ao rural galego”. Neste sentido, a intención de conseguir unha comisión efectiva, EM non propuxo a presenza de Rueda ou Feijóo na mesma porque a “nosa intención -sentenzou Luís Villares- era que na comisión falasen expertos, non xente que xa demostrou a súa incompetencia“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

17 − 2 =

X