En Marea recolle nas súas emendas aos orzamentos da Xunta as demandas de Compostela Aberta para Santiago

Estás aquí: Inicio » En Marea recolle nas súas emendas aos orzamentos da Xunta as demandas de Compostela Aberta para Santiago

En Marea recolle nas súas emendas aos orzamentos da Xunta as demandas de Compostela Aberta para Santiago

O vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez e os deputados Luca Chao e Manuel Lago reuníronse hoxe co alcalde de Santiago Martiño Noriega e a concelleira de Facenda María Rozas para coordinar as emendas aos orzamentos autonómicos de 2018 que vai presentar o grupo parlamentario e que lle afectan a Compostela. Serán un total de nove propostas, que suporían un incremento das achegas autonómicas á capital galega en 5,6 millóns de euros.

O alcalde incidiu en que “malia a que o PP insiste en que os orzamentos de 2018 son expansivos, iso non se nota nas partidas destinadas a Compostela”. Martiño Noriega valorou positivamente que nas contas “aparecen recollidos algúns compromisos adquiridos como a ampliación do colexio Lamas de Abade”, pero vólvense obviar “reclamacións históricas como o aumento da partida da capitalidade ou as demandas sociais, que deberan centrar a atención da Xunta”.

5,6 millóns de euros
A concelleira de Economía e Facenda foi a encargada de debullar en rolda de prensa as emendas aos orzamentos que vai presentar En Marea, recollendo as peticións do Goberno de Compostela Aberta. María Rozas explicou que o obxectivo é incrementar nun 25 por cento as achegas que recibirá Santiago das contas autonómicas, o equivalente a 5,6 millóns de euros.
A concelleira explicou que entre as propostas de En Marea figuran “demandas históricas como o incremento da partida da Capitalidade, que debera pasar dos 2,3 millóns de euros actuais ata os 5,5 millóns de euros, os custos estimados nun informe da USC de 2008 que, ademais, debera ser actualizado”. Tamén se volverá reclamar a ampliación do Conservatorio de Música “que mantén unha oferta de 300 prazas claramente insuficiente”. María Rozas incidiu en que o Concello ofrécelle á Xunta unha parcela municipal “para que cumpra este compromiso adquirido coa veciñanza de Santiago”. Na mesma liña, En Marea presentará unha emenda para que se dote á capital galega da Escola Oficial de Idiomas que precisa.

Políticas Sociais
En Marea vai trasladar nas súas emendas as principais preocupacións do Goberno de Compostela Aberta, e que teñen que ver coas políticas sociais. Así, o grupo parlamentario reclamará que nos orzamentos da Xunta se inclúa unha partida de 350.000 euros para a creación de seis “vivendas de saída” para persoas sen fogar, seguindo o modelo Housing First que está a seguir o Concello de Santiago con bos resultados.
Ademais, o grupo parlamentario reclamará a creación de dous novos servizos dirixidos a menores en situación de desamparo ou desarraigo, cun orzamento de 700.000 euros. Un deles é unha “Casa de Familia”, un equipamento residencial destinado a menores, cunhas dimensións reducidas e instalados en vivendas normalizadas, plenamente integradas na comunidade e cunha capacidade máxima de 8 prazas. O outro é un Centro Integral de Día para Menores, “unha demanda dos axentes sociais de Compostela desde hai máis dunha década”. Ademais, En Marea propón que “o compromiso de construír unha nova residencia para maiores no barrio de Fontiñas quede plasmado nunha partida específica, que non atopamos nos orzamentos de 2018”
Tamén en resposta a unha vella demanda, María Rozas explicou que as emendas de En Marea atenderán “á necesidade de que a Xunta aborde a construción de vivendas protexidas en Compostela, algo que non fai desde hai máis dunha década e para o que o Concello xa lle ten ofertada ao goberno galego unha parcela no Castiñeiriño”.
Por último, as emendas de En Marea atenderán á necesidade de que se habilite a partida necesaria para abrir a escola infantil de Santa Susana, e ao acordo adoptado polo pleno da corporación de Santiago para que a Xunta destine a políticas de igualdade o 1 por cento do seu orzamento.

Orzamentos insolidarios e insuficientes
A deputada de En Marea Luca Chao incidiu en que “as demandas expresadas por Compostela Aberta demostran o que o grupo parlamentario ven denunciando: que os orzamentos presentados pola Xunta non serven, son insolidarios e non van axudar a mellorar a vida da xente”.
Chao explicou que “as prioridades de En Marea son as mesmas que as de Compostela Aberta, e fan fincapé sobre todo nas partidas sociais que quedan relegadas nunhas contas que o PP quere vender como expansivas”. Tamén valorou especialmente a emenda relacionada coas políticas de igualdade “que ademais ven dun Concello como o de Santiago que está a ser pioneiro en poñer a igualdade no centro da axenda política con campañas como a impulsada ao redor do 25N”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

4 + fifteen =

X