En Marea reclama melloras da Xunta na xestión das Casas Niño garantindo emprego digno ás persoas titulares

Estás aquí: Inicio » En Marea reclama melloras da Xunta na xestión das Casas Niño garantindo emprego digno ás persoas titulares

En Marea reclama melloras da Xunta na xestión das Casas Niño garantindo emprego digno ás persoas titulares

Entre as melloras que propón figuran o pago mensual da prima, normas comúns ás escolas infantís e modificacións nas condicións de cancelación do servizo

En Marea vén de formularlle á Xunta, a través dos deputados Paula V. Verao e Davide Rodríguez, varias preguntas sobre as Casas Niño, un modelo de atención na propia casa da coidadora que defende como alternativa puntual en zonas rurais con baixa natalidade, se ben entende que a Xunta debería afrontar melloras importantes con respecto á sua xestión.

Por unha parte, En Marea xa rexistrou unha iniciativa no Parlamento relativa aos repetidos atrasos no pagamento das primas a persoas titulares das Casas Niño. “Isto implica que persoas que teñen uns gastos mensuais fixos, como a cota de autónomos e os derivados do propio funcionamento do servizo, pasan un tempo sen ingresos e mesmo tendo que pedir préstamos a familiares para poder manter o servizo en funcionamento, algo totalmente contrario ao obxectivo de que as Casas Niño serviran como fonte de emprego digno no rural”, lamentou na Comsión de Políticas Sociais a deputada Paula V. Verao, que considera que estes atrasos supoñen na práctica “emprego precario fomentado pola propia Xunta”. A prima de apoio de 19.600 €/ano inclúe a parte do que sería o salario da persoa que mantén a actividade da Casa Niño, salario que, deducidos os gastos de mantemento da instalación, quedaría en menos de 1000 € ao mes.

Para En Marea tamén é cuestionable o procedemento de adxudicación de prazas, que só ten en conta o baremo económico, sen contemplar a reserva de praza para fillos e/ou fillas das persoas titulares das casas niño, como si sucede para as fillas e fillos de traballadores/as en Escolas Infantís de 0 a 3 anos dependentes da Xunta.

Finalmente, a parlamentaria de En Marea denunciou as duras condicións de cancelación do servizo, así como a falta de interlocución coa Administración. Vázquez Verao referiuse de xeito concreto á orde que regula o periodo mínimo de permanencia da actividade empresarial e o mantemento da infraestrutura ata o 31 de decembro de 2019. “O efecto é que, na práctica, unha persoa que mantivo un servizo aberto uns meses, debe devolver máis do que gañou como salario por ter desenvolvido unha actividade”, denunciou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × 2 =

X