En Marea presenta dez propostas para dar resposta aos graves problemas do ensino público tras anos de reiterados recortes

Estás aquí: Inicio » En Marea presenta dez propostas para dar resposta aos graves problemas do ensino público tras anos de reiterados recortes

En Marea presenta dez propostas para dar resposta aos graves problemas do ensino público tras anos de reiterados recortes

En Marea denunciou na sesión plenaria desta tarde os “graves problemas” que acumula o ensino público galego tras anos reiterados de recortes e orzamentos claramente insuficientes e inxustos. Para contrarrestar esta situación a deputada de En Marea, Luca Chao, expuxo unha serie de medidas a poñer en práctica e que foron recollidas da “interlocución constante co profesorado, os representantes sindicais e toda a comunidade educativa”. Este decálogo de propostas como salientou Luca Chao “non responde a unha orde preestablecida, é dicir, non é que a primeira medida sexa máis relevante que a sexta, por poñer un exemplo, senón que son todas elas unhas propostas de mínimos que nos permitan ir recuperando parte do que perdemos nos anos de políticas austericidas do Partido Popular”.

A deputada de En Marea criticou así mesmo o orzamento da Consellería de Educación para 2018 que asegurou “é continuísta no peor sentido do termo, pretende continuar pola senda do desmantelamento e privatización dos servizos públicos”. “Unha cifra que tendo en conta as previsións do cadro macroeconómico para o vindeiro ano quedará nun penoso 3,59%. Cinco puntos por debaixo da media estatal, malia que o estado español é o quinto pola cola de toda Europa. Un 3,59% do PIB que implica que Galicia só supera a porcentaxe de investimento sobre o PIB de Romanía” salientou. Unha situación que se agrava aínda máis no rural onde “é urxente que se paralicen os peches de centros e unidades ata que se teña un plan específico para o ensino rural”.

En segundo lugar, En Marea propón recuperar o diálogo cos axentes sociais para  trazar un plan de recuperación de todos os dereitos laborais do persoal docente e redución da interinidade. “O que estamos pedindo é coherencia e congruencia entre as palabras e os feitos” aclarou Luca Chao xa que “se o goberno do partido popular quere convencer á cidadanía galega de que estes orzamentos son de recuperación, de fin da crise e crecemento é tempo de devolverlle aos docentes deste país todo o que se lles quitou”. Así mesmo, advertiu que non se pode asumir o modelo de emprego do PP que pasa pola precariedade “porque a administración pública debería ser bandeira de dereitos laborais e defensa dos seus traballadores e traballadoras e isto non se fai a base de recortar salarios, aumentar xornadas e interinidades senón recuperando dereitos, ampliando prazas de traballo e dialogando cos axentes sociais para establecer un plan necesario de mellora das condicións laborais”.

No mesmo senso En Marea propón garantir a cláusula de revisión salarial para asegurar, como mínimo, a suba anual dos salarios do profesorado igual ao IPC. “Dicir que se suben os salarios cando as traballadoras e traballadores do ensino público van seguir perdendo poder adquisitivo é falsear a realidade” denunciou.

En cuarto lugar a moción de En Marea propón derrogar os cambios impostos pola lei 12/2014 de xeito que o profesorado perciba o cen por cen de todas as retribucións desde o primeiro día de incapacidade temporal (IT). E, no mesmo senso, derrogar a orde de 23 de xuño de 2011 para recuperar as 21 horas de xornada lectiva.

En sexto lugar, regular coherentemente as materias que pode impartir un docente en función da titulación posuída co gallo de garantir a maior especialidade posible. A aposta pola especialización é unha aposta pola calidade educativa. Dende En marea defenden que permitir e mesmo fomentar que profesorado digamos de debuxo, imparta aulas en matemáticas vai xusto na senda contraria do que precisamos. “Queremos profesoras de música que impartan música, profesoras de matemáticas que impartan matemáticas, profesores de debuxo que impartan debuxo. É evidente que no momento no que isto non acontece estamos condenando ao alumnado á non recibir ensinanza especializada, estamos minguando a calidade” explicou Luca Chao.

En sétimo lugar, levar a cabo melloras e reparacións nos centros de ensino. Cun parque de colexios públicos avellentado como é o galego, e tras oito anos con partidas moi minguadas nesta materia, é evidente que os problemas nos centros de ensino se acumulan. Teitos en mal estado, peches inadecuados, problemas de climatización… Cada ano e cada inicio de curso aparecen casos novos sobre os que urxe actuar. Por iso EnMarea propón a recuperación do nivel das partidas referentes á RAM de 2008 para paliar a lonxevidade dos centros educativos atendendo, de xeito preferente, á substitución das cubertas que teñen amianto. “É impresentable que sexan aínda decenas os centros que teñen este perigoso material nos teitos e cómpre actuar” destacou. A mellora da eficiencia enerxética e a adecuada climatización dos centros educativos foron outras das cuestións destacadas no discurso da deputada de En Marea. “Non pode ser que teñamos aulas a máis de 35 grados en verán e a menos de 10 no inverno” engadiu.

En oitavo lugar, En Marea sitúa os libros de texto e a necesidade de atender correctamente a todos os nenos e nenas do país. O modelo que defende En marea non é o modelo do fondo solidario, probadamente máis custoso e ineficaz que o de préstamos universal. Neste caso o grupo parlamentar presentou unha petición de mínimos como é a de, polo menos, estender o seu modelo educativo a todos os niveis educativos de xeito que non siga deixando fóra aos nenos e nenas dos dous primeiros cursos de primaria, “unha exclusión totalmente incomprensible e que supón un agravio comparativo que urxe corrixir.

En noveno lugar instar ao goberno a contabilizar ao alumnado repetidor para o cálculo das ratios por aula, “un dos enormes despropósitos e estafa estatística do goberno do PP”. Como xa ten denunciado o grupo Galicia é a única comunidade autónoma na cal o alumnado que repite curso non conta para as ratios na aula. “Isto non se sostén por ningunha banda e soamente responde á intención de confundir sacando peito de ter, supostamente, ratios das máis baixas do estado” asegurou Luca Chao. Para En marea, as ratios, en cambio, deberan estar ao servizo da calidade educativa, e, por iso mesmo, deberan servir para indicar as necesidades das mesmas.  “Invisibilizar ao alumnado repetidor non serve. Hai que visibilizalo, contabilizalo e ofrecerlles maiores recursos. Diso se trata axudar máis a quen máis precisa. Diso falamos cando reivindicamos igualdade e equidade educativa” concluíu.

E por último, dende En Marea propoñen aumentar as axudas de material escolar de xeito que, tras realizar un estudo sobre estes gastos, a súa contía se adecúe as necesidades reais do alumnado. Na pasada sesión plenaria o Conselleiro chegou a dicir dende o seu escano que non sabía se a cincuenta euros eran moitos ou poucos para o material escolar porque non sabía canto gastaban as familias. “Igual el non o sabe, igual as deputadas e deputados do PP non o saben, nós xa lle dicimos que a xente si que o sabe, e resulta que a factura do material escolar é elevadísima, impracticable para demasiadas familias, por iso, e para que o conselleiro non poda dicir que non sabe, e para non poñer sobre a mesa unha cantidade aleatoria propoñemos realizar un estudo ao respecto e logo ampliar as partidas orzamentarias para que estas axudas cubran o enorme custo que cada inicio de curso ten nas familias galegas” explicou a deputada de En Marea.

Na quenda de réplica Luca Chao lamentou, unha vez máis, a negativa soberbia do PP a aceptar as dez medidas de En Marea que lembrou son congruentes coas demandas da comunidade educativa pero o PP optou por desprezalas en cinco minutos e un non. “Un non que non é unha negativa a en Marea, e un non ao profesorado deste país e un non á recuperación dos seus dereitos. É un non nos interesa ao alumnado dos centros do ensino do rural. Un non nos preocupa ás familias preocupadas cada principio de curso coas facturas das librarías. Un non vamos mover un só dedo aos nenos e nenas que se queixan de aulas e instalacións en mal estado. Un non á aposta pola calidade educativa. Demasiados NON destinados a asegurar que nada cambie, demasiados non destinados a repetir que son vostedes os únicos que teñen a razón” rematou a deputada de En Marea a súa intervención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

7 + nine =

X