En Marea presenta as súas emendas aos orzamentos da Xunta para a comarca do Carballiño

Estás aquí: Inicio » En Marea presenta as súas emendas aos orzamentos da Xunta para a comarca do Carballiño

En Marea presenta as súas emendas aos orzamentos da Xunta para a comarca do Carballiño

Os parlamentarios de En Marea pola provincia de Ourense, Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez, acompañados do voceiro da Alternativa Veciñal do Carballiño Bernardo García, presentaron esta mañá as emendas que rexistraron na Cámara galega aos orzamentos da Xunta para o ano 2018.

Atendendo ás peticións da Alternativa Veciñal, En Marea reclamou unha transferencia dun millón de euros para o transporte metropolitano, de xeito que se inclúa esta comarca no plan de Ourense, reforzando as comunicacións entre a vila e a capital da provincia. A ubicación dunha Estación Intermodal que combinase os intercambios entre autobuses e trens melloraría as comunicacións de Carballiño e comarca co entrono e ,de paso, permita liberar a actual Estación de Autobuses para outras funcións, é outra das demandas trasladadas.

Co obxectivo de reorientar a estratexia orzamentaria e crear empregos de calidade, En Marea tamén propón un incremento do gasto público en infraestruturas empresariais para a comarca, coma a ampliación do Parque empresarial do Carballiño que permita a instalación de novas industrias, para o que se propón unha partida de 150 mil euros. Outra emenda de considerable contía (180 mil euros) é a destinada ás obras de mellora no Centro Comarcal, ademais da cesión da súa xestión ao concello, pois como lembrou o voceiro de Alternativa Veciñal do Carballiño, Bernardo García, a Administración local non pode facer fronte a estas intervencións.

Ademais, entre as emendas de En Marea, que ascenden a un importe total de 1.266.000€ de inversión directa no Carballiño e comarca, sen contar o beneficio indirecto da achega do transporte metropolitano de Ourense, destacan en materia sanitaria, os 36 mil euros destinados a un heliporto nas inmediacións do centro de saúde do Carballiño a fin de facilitar os traslados urxentes aos hospitais.

Davide Rodríguez destacou “como vital a atención aos servizos sociocomunitarios” en referencia á inclusión da partida orzamentaria de 50 mil euros para que “o Centro de Día do Carballiño sexa unha realidade, e outros 100 mil destinados a melloras na Biblioteca municipal, pois son frecuentes as queixas dos usuarios por problemas na calefacción e outras carencias do edificio.

Segundo explicaron Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez, coas súas emendas En Marea quere trasladar ás institucións os problemas de Ourense, “a provincia máis ignorada e castigada polo goberno de Feijóo, sendo a última provincia en investimentos en áreas como Políticas Socisias, Xustiza, Vivenda ou Medio Ambiente”. Cuña referiuse tamén a que dos 200 mil parados que hai en Galicia, 150 mil estean na provincia de Ourense ou ao feito de que “aquí se rexistren as pensións máis baixas do Estado, nunha provincia na que por cada neno que nace, morren nove persoas, moitas delas sen teren chegado a percibir as axudas recoñecidas pola Lei de Dependencia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seven + sixteen =

X