En Marea presenta 40 propostas de resolución no debate do estado da Nación para dar solución aos problemas reais da cidadanía que obviou o presidente

Estás aquí: Inicio » En Marea presenta 40 propostas de resolución no debate do estado da Nación para dar solución aos problemas reais da cidadanía que obviou o presidente

En Marea presenta 40 propostas de resolución no debate do estado da Nación para dar solución aos problemas reais da cidadanía que obviou o presidente

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Documento 40 propostas. Descarga aquí:  EN-MAREA-Propostas-de-Resolución-Debate-Estado-Nación-17.pdf (8 downloads)

 

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, presentou as 40 propostas de resolución do seu grupo para o debate do estado da Nación que aseguro “serven para dar esperanzas de futuro a este país” e ofrecen unha solución aos problemas reais da cidadanía obviados polo presidente Alberto Núñez Feijóo no seu discurso na xornada de onte. “Un discurso reaccionario e antidemocrático que nos retrotrae ao tempo da ditadura onde había xente que tamén loitaba contra as leis para ter democracia” foi a valoración de Antón Sánchez que lamentou que o PP teime en se agarrar á legalidade como resposta a un problema político empregando a represión como única arma.

As 40 propostas de En Marea céntranse así nos problemas e a realidade que afectan á maioría social esquecida pola Xunta de Galicia.

  • Emprego, precariedade e modelo produtivo: Galicia mantén a peor evolución de todas as comunidades autónomas do Estado, é a que máis emprego perde e destrúe, a que máis incrementa o paro e máis reduce a poboación activa. E pese a isto, o presidente Feijóo non tivo unha soa palabra para o desemprego e os parados. Así, En Marea presenta unha serie de propostas orientadas a cambiar o modelo produtivo abandonando a aposta do PP “por regalar o territorio”. Potenciar a agroindustria, renovables, outro modelo forestal, fomentar a investigación e innovación.. como xeito tamén de crear emprego de calidade e con dereitos.
  • Pobreza: outro das grandes cuestións silenciadas no discurso de Feijóo. Así, non quixo falar do 24.4 por cento de taxa de risco de pobreza e exclusión social, a perda constante de poder adquisitivo da xente, dos 100.000 fogares en pobreza enerxética, dos 5 desafiuzamentos diarios en Galicia ou ese 17 por cento de traballadores pobres existente no noso país. “Toda esta xente é a que preocupa En Marea” salientou Antón Sánchez. Ante esta realidade, En Marea presentou diversas propostas para paliar a situación como a creación dunha renda cidadá garantida, a creación dun parque público de alugueiro social, contra a pobreza enerxética, ou para garantir unhas pensións dignas.
  • Servizos públicos: Ante a política privatizadora e de privilexios para á privada do PP especialmente graven na sanidade e no ensino, En Marea presenta as súas alternativas para blindar a educación pública e de calidade, a retirada do anteproxecto da Lei de modificación da Lei da Saúde, para a recuperación do emprego na sanidade pública, contra as listas de agarda, entre outras.
  • Política fiscal: O vicevoceiro de En Marea criticou a mensaxe publicitaria de Feijóo relativa a rebaixa fiscal asegurando que “é moi fácil anunciar unha rebaixa fiscal” pero o que se obvia dicir é que “sempre van orientadas aos máis ricos e supón deixar de investir en servizos públicos para os que menos teñen”. Neste sentido, o grupo inclúe nas súas propostas a necesidade de implantar a progresividade fiscal e camiñar cara a xustiza social. Así mesmo, inclúe unha proposta para levar a cabo unha auditoría da débeda, unha débeda que se ten triplicado desde a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta.
  • Seguridade viaria: Outro dos grandes esquecidos polo presidente. En Marea propón a constitución dunha comisión parlamentaria de investigación sobre as condicións de seguridade da rede galega e os accidentes acontecidos na mesma nos últimos anos. Tamén unha proposta contra o plan de transportes da Xunta destacando a necesidade de retirar o actual e constituír unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público na que se inclúan representantes da Xunta, sindicatos, empresas do sector, FEGAMP, deputacións, direccións de colexios e ANPAS.
  • Violencia de xénero: Unha das ausencias máis intolerables dentro do discurso do presidente da Xunta foi a relativa ás políticas contra a violencia machista, “un dos problemas máis graves que ten Galicia e que ten que tomar en serio o Goberno galego, algo que non fai”. Nas súas propostas de resolución, En Marea insta a poñer todas as medidas necesarias para previr e actuar decididamente contra todas as formas de violencia machista sinalando que o reto pasa por orientar todo o orzamento da Xunta para que a igualdade sexa unha realidade, a través dun proceso gradual de transversalidade, incrementando o orzamento para establecer todos os anos como mínimo un 1 por cento dos orzamentos a políticas específicas destinadas á loita contra as violencias machistas.

A maiores En Marea presenta propostas relativas á defensa da lingua, a memoria histórica, defensa da pesca, da pluralidade nos medios de comunicación, para o traspaso da AP9 e recuperación para o público, retirada da Lei de iniciativas empresariais, para o impulso do plan galego de saúde mental, contra o cambio climático ou sobre o dereito a decidir, entre outras.

“Fejóo criminalizou a democracia”

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez lamentou que o presidente da Xunta de Galicia no seu discurso apoiara aos que “non dan máis saída que a represión” fronte aos millóns de cidadáns de Cataluña que o domingo foron pacificamente a votar. Sánchez denunciou a criminalización que Feijóo fixo da democracia e lembrou que “na ditadura franquista tamén houbo xente que desafiou ás leis e loitaron por traer a democracia a este país”. “Podemos entender que non se decaten do que está a suceder xa que eles estiveron sempre do lado dos poderosos, e non precisamente daquelas persoas que desafiaban as leis franquistas” declarou Sánchez.

“Non se pode permanecer no inmobilismo nin negación da realidade. En política o diálogo debe ser unha norma e tratar cuestións política con política e non coa legalidade ou a represión” concluíu o vicevoceiro de En Marea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

1 × 3 =

X