Estás aquí: Inicio » En Marea pon en valor a forza das mulleres e ao movemento feminista coa que lograron facer da xornada de onte unha data histórica
En Marea quixo facer público o seu recoñecemento e parabenizar a todas as mulleres e a todo o movemento feminista por facer da xornada de onte unha data histórica. Foron milleiros de mulleres as que onte sumáronse á folga e mobilizáronse para amosar que están “fartas” das desigualdades que sufrimos a diario. Onte as mulleres demostraron que a súa realidade merece paralizar o pais, e así o fixeron, superando tódalas previsións. A deputada de En Marea no Parlamento, Paula Quinteiro, asegurou pola súa banda que “nada vai seguir igual” despois de onte día no que as mulleres “demostramos que somos a vangarda para construír un suxeito de clase que pode cambiar o mundo de base”.
O grupo de traballo da Marea Feminista valora este 8 de marzo de 2018 como “un punto de inflexión no que se demostrou as mulleres que somos quen de mudar a historia e creemos que hai que recalcar que esta é unha vitoria do movemento feminista, unha vitoria das mulleres”.
Paula Quinteiro quixo sinalar así mesmo que “ningún partido ou sindicato pode apropiarse dun éxito que corresponde as mulleres autoorganizadas” xa que “a folga feminista de onte foi posible grazas ao traballo previo e grazas a capacidade do movemento de manter a tensión e a mobilización nas rúas”.
Pero isto, non remata aquí como afirman desde En Marea e as mulleres seguen a ter os mesmos motivos. Toca seguir organizándonos e seguir loitando. “Onte reiventamos a ferramenta da nosa clase, a folga, para estendela tamén ao que queda normalmente invisibilizado como é o traballo de coidados, o reprodutivo” declarou Quinteiro. Onte fíxose visible que non existe tal separación entre o mercado e o que facemos nos fogares. Evidenciouse a contradición entre o capital e a vida. A de onte foi unha folga que cuestionou todas as estruturas de opresión e explotación.
“A dereita, que no noso país agrúpase maioritariamente nas filas do PP ten un problema, historicamente relegáronnos a un papel subordinado, non nos recoñeceron na nosa condición de suxeito máis que para as fotos e a propaganda. Onte demostramos que as mulleres somos un suxeito que pode cambiar o mundo” asegurou Quinteiro.
Así mesmo, desde En Marea quixeron poñer o acento no feito de que o aínda máis importante que o día 8 é o día 9, “o día no que volvemos a normalidade, unha normalidade atravesada por toda clase de opresións, unha normalidade que cuestionamos e que imos cambiar”.
“Demostramos que organizadas, respondendo colectivamente somos máis fortes. Fixemos visibles as invisibles, demos unha lección de dignidade. O machismo queríanos en soidade e onte estivemos en común e sen medo, sentímonos libres parando e mobilizado e pelexaremos cada día das nosas vidas por esa liberdade” concluíu a deputada de En Marea no Parlamento, Paula Quinteiro.