En Marea pide á Xunta un estudo da viabilidade do rescate da AP-9 e que demande ao Goberno central unha nova política tarifaria que rebaixe as peaxes 

Estás aquí: Inicio » En Marea pide á Xunta un estudo da viabilidade do rescate da AP-9 e que demande ao Goberno central unha nova política tarifaria que rebaixe as peaxes 

En Marea pide á Xunta un estudo da viabilidade do rescate da AP-9 e que demande ao Goberno central unha nova política tarifaria que rebaixe as peaxes 

O grupo parlamentario de En Marea presentou ante o pleno da Cámara galega unha nova iniciativa en forma de moción na que insta á Xunta a realizar un estudo sobre a viabilidade do rescate e da AP9 e esixir ao Goberno central medidas para rebaixar as peaxes á cidadanía galega.

Na súa iniciativa o grupo de En Marea instaba tamén a condenar o “veto infame” do Goberno español que emprega “métodos antidemocráticos, mentireiros e espurios para que non se exprese democraticamente o Congreso” e esixir que se deixen sen efecto os acordos con AUDASA que permiten o incremento de tarifas nas peaxes da AP-9 no ano 2018 e sucesivos.

Antón Sánchez, iniciou a súa intervención afirmando que “a AP9 é un dos exemplos máis evidentes do que se chamou ´capitalismo de amiguetes`, a punta do iceberg dunha corrupción institucionalizada, dun roubo legalizado”. Hai moitos máis exemplos como as privatizacións no sector eléctrico ou nas telecomunicacións como salientou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento, nos que “diferentes gobernos agasallaron a empresas amigas, a prezo tamén de amigo, con enormes negocios monopolísticos, con infraestruturas que se pagaron con diñeiro público, con diñeiro de toda a cidadanía”.

Para Sánchez “a privatización da AP9 e a posterior e progresiva consolidación, vía convenios e decretos, bota as súas raíces na corrupción como forma de goberno o que explica a complicidade dos gobernos sucesivos cos intereses da empresa privada, aínda a costa de prexudicar á maioría”. A responsabilidade da situación actual para o grupo de En Marea é do Partido Popular, acusando a Feijóo de ser cómplice e “por iso cala ante as decisións do PP que afectan negativamente ao peto dos galegos e galegas”. Sánchez lembrou que o Decreto 104/2013 asinouno Rajoy, a prórroga do 2000 é obra de Aznar, a privatización de 2004 tamén, o convenio que implica que o desconto de Pontevedra Vigo o se vaia pagar co incremento de tarifas ten a mesma autoría, o mesmo que o de Redondela. “Todos teñen a marca da casa de Feijóo, son responsabilidade do Partido Popular” afirmou.

AUDASA gaña 1 de cada 2 euros dos que factura coas peaxes, 1 de cada 3 despois de impostos sendo das autoestradas con máis reclamacións do Estado, e con menos persoal por quilómetro “iso si , das quen máis dividendos reparte entre os seus accionistas”. Os datos societarios do grupo EnaItinere (propietario de Audasa), os acordos de refinanciamento da débeda e a xestión económico-financeira do grupo poñen de manifesto que o holding chucha dos beneficios de Audasa para sanear as súas contas e favorecer a venta do grupo empresarial propietario de Audasa. No acordo de refinanciamento da débeda do Grupo Ena-Itinere de 16 de xaneiro de 2016 pactouse expresamente que AUDASA debía destinar o máximo beneficio posible ao pago de dividendos á sociedade propietaria, Ena-itinere. Así consta expresamente no folleto público da última emisión de débeda de AUDASA como salientou o vicevoceiro de En Marea.

“As excesivas peaxes que paga a cidadanía galega determinan uns elevados beneficios de AUDASA que «emigran» despois ao grupo propietario Ena-Itinere como condición expresa pactada para a renegociación da súa elevada débeda” denunciou Sánchez que engadiu que os beneficios de AUDASA e os correlativos ingresos da propietaria (dividendos percibidos de AUDASA, pero tamén de Autoestradas de Galicia) os que compensan as perdas doutras concesionarias do Estado propiedade de Ena-Itínere, tal e como consta nas contas consolidadas do grupo. Polo tanto, a xestión da concesión da AP9 serve, basicamente, para refinanciar a débeda do grupo.

“Riqueza de Galiza que marcha para fóra diante da  pasividade da Xunta de Galicia. Unha vez máis. Como sempre. Unha fuga de capitais de libro. Con auténtico carimbo colonial” concluíu. “Mentres o PP, o Goberno galego e Feijóo, baixan as orellas, obedientes co pode,  submisos ata perder toda dignidade. Nin sequera tiveron a dignidade de levantar a voz ante o aldraxante veto dunha lei aprobada neste Parlamento por unanimidade, aprobada voto a favor do propio PPdeG, vetada nas Cortes cos votos do Partido Popular” recriminou Sánchez.

“Un partido de impostores liderados polo señor Feijóo, un presidente de trapo que nin se sacrifica, nin a está ao servizo de Galiza. Servicial con Madrid, sacrifica os intereses galegos, traga rodas de muíño docilmente e aínda pretende que o aplaudamos como o gran paladín de Galiza.Ri as grazas dos señoritos do Ministerio para ganarse o seu favor e apoio na súa carreira política” afirmou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × 4 =

X