Para En Marea a nova Lei de Espectáculos da Xunta é unha “coartada para amordazar a cultura”

Estás aquí: Inicio » Para En Marea a nova Lei de Espectáculos da Xunta é unha “coartada para amordazar a cultura”

Para En Marea a nova Lei de Espectáculos da Xunta é unha “coartada para amordazar a cultura”

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O grupo parlamentario de En Marea presentou esta mañá as súas emendas ao proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. A deputada Luca Chao quixo nun primeiro momento agradecer a todas as persoas tanto a título individual como por medio de asociacións que fixeron chegar as súas propostas ao grupo e que foron recollidas nas emendas do grupo. “Contribucións esenciais de moitos actores directamente afectados que, lamentablemente, o Partido Popular desoíu ao longo de todo o proceso de elaboración deste proxecto” lamentou Luca Chao.“Dende En marea apostamos sempre polo traballo directo cos axentes implicados, pola intelixencia colectiva e neste senso amosar a nosa satisfacción co feito nestas semanas que se traduce agora en 60 emendas parciais, alén da emenda á totalidade que presentamos no seu momento” explicou.

As emendas do grupo de En Marea sintetízanse en tres grandes bloques. O primeiro deles para clarificar e especificar o obxecto de aplicación do texto de xeito que deixe fóra actividades que non poden estar suxeitas a unha lexislación tan estrita para En Marea. Luca Chao sinalou que esta Lei parte duna premisa errada como é equiparar cultura con espectáculo. “O proxecto mestura todo tipo de actividades culturais e recreativas sen diferenciación algunha respecto ao seu posible carácter lucrativo, cultural ou unicamente recreativo. Dende En Marea entendemos que unha norma coma esta debería ser moito máis coidadosa para diferenciar segundo o tipo de actividade de que se trate” salientou. Neste sentido o grupo presentou emendas dirixidas a ampliar ás actividades que quedarían fóra, “nomeadamente aquelas que emanan do exercicio dos dereitos de expresión, da liberdade de manifestación e de reunión pacífica”. “Esta Lei non pode servir de coartada para menoscabar os dereitos individuais nin colectivos, nin supor, de facto, unha mordaza á cultura” defendeu a deputada de En Marea.

En Marea propón tamén excluír do ámbito de ampliación da Lei as actividades de carácter familiar e privado así como actos e celebracións de carácter veciñal ou asociativa cun aforo baixo ou medio (igual ou inferior a 500 persoas), sempre que non implique un risco grave para a seguridade das persoas, para os dereitos das terceiras ou para a integridade dos espazos públicos. Así coma toda aquelas manifestacións festivas propias de Galicia.

O segundo bloque de emendas engloba á aplicación administrativa da norma. Unha das emendas para definir legalmente a comisión de xeito que se garanta unha presenza equilibrada entre a propia administración e os colectivos afectados. Inclúe tamén unha serie de emendas dirixidas á redución e mellor gradación do réxime sancionador que para En Marea é “excesivamente gravoso” para o que se propón reducir á metade as cantidades das sancións económicas.

O terceiro bloque está constituído polas emendas programáticas que teñen que ver con propostas políticas concretas. No referido a espectáculos de maltrato animal, nomeadamente os de maltrato taurino, En Marea presenta dúas emendas. A primeira recolle o posicionamento xa coñecido do grupo contrario e a prol da prohibición total. A segunda é unha emenda de mínimos para aumentar a prohibición de acceso á idade de 18 anos xa que “é incomprensible que este proxecto cifre en 12 anos a idade para poder acceder”.

Outra das emendas destacadas pola deputada Luca Chao na presentación aos medios das emendas do seu grupo, foi a referida ao dereito a participar da vida cultural e artística das persoas menores de idade. Un dereito recoñecido en convencións internacionais e mesmo na propia lexislación onde se recolle que os menores teñen dereito a participar plenamente na vida social, cultural, artística e recreativa da súa contorna, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa. Por este motivo, En Marea presenta unha emenda que trata de recoller as demandas do colectivo coas que se busca facilitar esta participación activa, permitindo o acceso a espectáculos musicais de menores de 16 anos sempre e cando vaian acompañadas dunha persoa adulta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

13 + fifteen =

X