Estás aquí: Inicio » Marea Mondoñedo e En Marea suman esforzos e apoios para levar o mar aos concellos e ás deputacións no 2019
Marea Mondoñedo e En Marea asinaron hoxe o acordo de colaboración para levar o mar aos concellos e ás deputacións no 2019. A sinatura tivo lugar na Casa de Mañas da localidade da Mariña Central, e á que acudiron representantes das mareas da contorna e de todo o país; o coordinador de Marea Mondoñedo, Manuel Germade, a vicevoceira de EM Ana Seijas e o voceiro do espazo Luís Villares.
A sinatura deste acordo ten como obxectivo devolver as políticas á xente do común, no que é unha aposta de EM e un dos seus principios básicos: o municipalismo, porque “é o concello a institución administrativa máis próxima á cidadanía, máis próxima á xente”, indicou Ana Seijas, responsable de municipalismo de EM, despois de que representantes das mareas da comarca, e de todo o país, deran os seus parabéns á marea da localidade lucense por sumarse a un acordo que da máis visibilidade, apoio e cobertura ás mareas locais.
“Marea Mondoñedo veu para quedar e gañar. O PP di que fai politicas cos pés chantados na terra pero coidado, porque se sube a marea, a terra mollase e xa temos visto caer xigantes con pés de barro máis grandes ca eles”, asegurou Manuel Germade e precisou que isto será así “grazas a este acordo que asinamos hoxe”.
Trala sinatura do acordo, o voceiro de En Marea Luís Villares dixo que “traballamos arreo para chegar até aquí; unha construción en común que supuxo moito esforzo. O importante é que seguimos loitando xuntos polo cambio en Galicia, de abaixo arriba, nun espazo horizontal onde o máis importante son as persoas, e que ademais son as que deciden”. E celebrou que Marea Mondoñedo se sume a este acordo porque permitirá seguir “defendendo a xestión eficaz dos recursos públicos, a paralización das privatizacións e a recuperación dos bens comúns” dos concellos o vindeiro ano, cando todas as pingas formen o mar para mudar este país e facer unha Galicia máis xusta por e para a xente.