Estás aquí: Inicio » En Marea pon en dúbida a legalidade da adxudicación dun contrato a dedo por case 3 millóns de euros para o patrocinio dun festival musical
O pasado 21 de febreiro publicouse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación pola Axencia Turismo de Galicia do “Contrato privado de patrocinio publicitario entre Axencia Turismo de Galicia e a UTE Old Navy Port Producións, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L. para a promoción do evento Xacobeo 2012, a través da celebración do festival O Son do Camiño en Santiago de Compostela e cinco concertos nas principais cidades galegas no ano 2018”. A adxudicación do contrato, por importe de 2.975.000 euros IVE engadido, publicouse con total ausencia dos pregos e dos demais requisitos esixidos pola la lexislación en materia de contratación pública para a súa adecuación a dereito.
Desde o grupo de En Marea lembran que a contratación por procedemento negociado sen publicidade (por exclusividade) é considerada unha vía excepcional tanto na lexislación española como na comunitaria. Así mesmo, Directiva 2014/24/UE sobre contratación pública esixe que para poder adxudicar un contrato deste tipo se dean unhas circunstancias de exclusividade obxectiva, e expresamente esixe que “a situación de exclusividade non teña sido creada polo propio poder adxudicador con vistas ao futuro procedemento de contratación”.
No caso deste contrato parece evidente que esta circunstancia se ten dado cando a titular da ATG e o propio Alberto Núñez Feijóo anunciaron na pasada edición de Fitur a realización do festival como un evento propio da Xunta para promocionar o Xacobeo 2021, e a marca do evento, que serve de xustificación para a exclusividade, conta con apenas tres meses de vixencia, carecendo ata o de agora de calquera tipo de repercusión mediática ou pública.
“A evidente e total ausencia de transparencia nesta contratación, así como o que parece un uso en fraude de Lei do procedemento previsto no art. 170 do Real Decreto Lexislativo 3/2011, vulnerando as normas que regulan a contratación pública, esixen unha inmediata aclaración por parte da directora da Axencia Turismo de Galicia e dos demais titulares dos departamentos que participaron neste procedemento” afirmou o voceiro de En Marea, Luís Villares.
Por outra banda, dende unha perspectiva de política cultural, En Marea considera totalmente fóra de lugar dedicar a un único festival musical case 3 millóns de euros, cando en todo o ano 2017 a cantidade que a Xunta de Galicia dedicou á suma de todos os festivais musicais do país estivo nos 220.000 euros. Neste sentido as deputadas responsables da área de Cultura, Luca Chao e Ánxeles Cuña, reclamaron ao Goberno galego que abandone a liña de contratacións a dedo e aposte por un modelo descentralizado que apoie á cultura de base. Lamentan así mesmo que fronte a este contrato para só macroevento está a posta polos festivais galegos aos que apenas chega a un millón a achega da administración galega.
En Marea, neste senso, quere transmitir o pleno apoio ás diferentes asociacións e profesionais das industrias culturais de Galicia que veñen de manifestar o seu rexeitamento á adxudicación do devandito contrato e ponse á súa disposición para esixir as correspondentes responsabilidades políticas no Parlamento de Galicia. Este apoio esténdese a aquelas accións xurídicas que se poñan en marcha para a restitución da legalidade.
O grupo parlamentario anunciou así mesmo o rexistro no Parlamento de Galicia dunha pregunta dirixida ao Goberno da Xunta para que dea explicacións por este contrato.