En Marea lamenta o discurso partidario de Felipe VI

Estás aquí: Inicio » En Marea lamenta o discurso partidario de Felipe VI

En Marea lamenta o discurso partidario de Felipe VI

Desde En Marea queremos amosar a nosa preocupación tras a alocución do Xefe de Estado. Cremos que a súa posición leva aparellada unha responsabilidade de mediación que non cumpriu. Lonxe diso, empregou unha linguaxe agresiva, belicista e autoritaria. Non respectou á cidadanía catalá que, pacificamente, foi votar o domingo e non propuxo ningún tipo de solución senón que tensionou aínda máis. Mantivo no seu discurso a liña inmobilista xa manifestada polo Goberno. Tampouco mencionou aos feridos resultantes da xornada.

No seu discurso, sinalou que a Generalitat quebrantou os principios democráticos de todo Estado de Dereito e socavou a harmonía e a convivencia, mais non lembrou que o Goberno Central empezou a quebrantalos desde o intre en que non quixo sentar coa Generalitat e se instalou no discurso do negacionismo. As detencións, as cargas, as agresións e as intimidacións por parte das forzas de seguridade do Estado si constitúen un quebrantamento do Estado de Dereito.

Desde En Marea cremos que a única saída responsable nesta situación é a apertura de procesos constituíntes. Os problemas políticos só poden amañarse con política, non con censura e represión. Levamos 40 anos cunha Constitución que a día de hoxe se amosa insuficiente, atrasada e arcaica para solventar os retos que afronta o Estado, mesmo lonxana para unha gran parte da cidadanía que non se sinte identificada coas normas que recolle.

Por outra banda, cremos que nese momento constituínte hai que considerar tamén a forma de goberno do Estado, porque a sensación tras o discurso de Felipe VI é que o único xeito de superar o marco de confronto actual é máis democracia, e o xeito de que esta chegue é unha República. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

fourteen − two =

X