En Marea insta á Xunta a tomar medidas urxentes para paliar o sufrimento de milleiros de animais afectados polos lumes

Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a tomar medidas urxentes para paliar o sufrimento de milleiros de animais afectados polos lumes

En Marea insta á Xunta a tomar medidas urxentes para paliar o sufrimento de milleiros de animais afectados polos lumes

Nas últimas semanas En Marea rexistrou no Parlamento de Galicia diversas iniciativas tendentes a conseguir paliar o sufrimento dos animais por mor da vaga de lumes e sobre contidos de protección, tenza e sensibilización. Nestas propostas recóllense actuacións que debe desenvolver a Xunta de Galicia para paliar o sufrimento dos animais afectados polos lumes, a suspensión da tempada de caza na Comunidade Autónoma de Galicia nas zonas afectadas polos lumes e as limítrofes, a inclusión da perspectiva do benestar animal nos protocolos de evacuación e actuación en catástrofes e accidentes, e engadir contidos sobre protección, tenza e sensibilización sobre animais na CRTVG.

“A sociedade está moi sensibilizada sobre as consecuencias persoais, sociais, económicas e medioambientais dos lumes, pero a situación dos animais durante e despois dos lumes é unha traxedia a que non podemos dar as costas” salientou o deputado de En Marea no Parlamento, Francisco Casal.

Por este motivo, o grupo de En Marea tentando ser a voz das Protectoras, dos grupos de protección animal e dunha parte moi importante da cidadanía sensibilizada con esta situación inadmisible, insta a Xunta de Galicia a tomar medidas para polo menos paliar esta traxedia.

Miles de animais salvaxes e domésticos morreron, sufriron graves afeccións e queimaduras ou quedaron perdidos ou afastados das súas zonas habituais. Os seus hábitats quedaron destruídos e as súas fontes de alimentación xa non existen. Ante esta situación En Marea propón entre outras accións urxentes:

1.- Declarar Galicia como zona de catástrofe natural e así poñer en marcha todos os protocolos que implica. Instar, a si mesmo, a que o Goberno do Estado decrete tamén a situación de Catástrofe Natural e poña en marcha todos os procedementos e axudas previstas para estas situacións.

2.- Prohibir a caza de forma total e inmediata nas zonas afectadas e as limítrofes. Xa se perderon demasiadas vidas animais por causa non só dos lumes, o chan necesita rexenerarse e as especies silvestres recuperarse das feridas e do estrés sufrido. Sería moi cruel aproveitar o seu desconcerto para darlles caza.

3.- Activar inmediatamente os protocolos de recuperación de especies silvestres tanto de flora como de fauna.

4.- Crear un grupo multidisciplinar de profesionais, nos diferentes ámbitos da protección e defensa dos animais, que exerza a coordinación dos grupos de persoas voluntarias e das actuacións a levar a cabo para o rescate de animais (fauna salvaxe e doméstica, animais de granxa e de compañía) vítimas dos lumes.

5.- Proporcionar alimento, auga e acubillo no medio natural para os animais superviventes. Cubrir todas as súas necesidades naturais.

6.- Habilitar áreas específicas de coidado e atención de animais salvaxes ou de granxa que estean feridos, desorientados ou perdidos, onde poidan ser atendidos por profesionais e, en caso de proceder, poidan ser devoltos ao seu hábitat natural de novo.

7.- Incluír consellos e recomendacións en protocolos de actuación ante emerxencias para a cidadanía que conteñan a perspectiva do coidado e benestar dos animais.

8.- Incluír protocolos de actuación ao respecto da protección animal nas actuacións dos Servizos de Emerxencia, como o 112, para activar os medios especializados necesarios no caso de que así fora necesario.

9.- Desenvolver e producir contidos sobre protección, tenza e convivencia con animais especialmente dirixidos ás persoas menores de idade, destinados á súa emisión na TVG e na Radio Galega así como para a súa difusión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × three =

X