En Marea insta á Xunta a incluír as partidas necesarias nos vindeiros orzamentos autonómicos para arranxar as deficiencias do centro de saúde de Marín

Estás aquí: Inicio » En Marea insta á Xunta a incluír as partidas necesarias nos vindeiros orzamentos autonómicos para arranxar as deficiencias do centro de saúde de Marín

En Marea insta á Xunta a incluír as partidas necesarias nos vindeiros orzamentos autonómicos para arranxar as deficiencias do centro de saúde de Marín

Marín, 22 de setembro de 2017.- A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, reuniuse esta mañá cos concelleiros da Marea Marín, Sandra Pesqueira e Aarón Franco, para falar das deficiencias do Centro de saúde de Marín e das iniciativas que o grupo parlametario de En Marea levará ao Parlamento co fin de que a Xunta de Galicia poña solución a estas deficiencias aproveitando a tramitación dos orzamentos do vindeiro. Na súa comparecencia Eva Solla denunciou o despilfarro de cartos públicos por parte do Goberno galego xa que asegurou “non se pode facer un centro de saúde de 5,6 millóns de euros e despois non dotalo”.

O centro inaugurado en outubro do ano pasado contou coa presencia do propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientaba que se trataba dun dos “máis completos de Galicia” definindo o mesmo coma “un pequeno hospital sen hospitalización” xa que presta asistencia hospitalaria completa en horario continuado a través do Punto de Atención Continuada. A realidade foi que transcorridos 6 meses da apertura, presentaba xa deficiencias e a día de hoxe non conta coa maior parte dos servizos prometidos. Así, o punto de atención continuada non conta con servizo deradioloxía. A deputada de En Marea anunciou ao respecto que presentará no Parlamento diversas iniciativas orientadas a saber cando van a dotar deste servizo ao centro e se as instalacións están preparadas para o mesmo xa que “moito tememos que o que se fixo fora un mero anuncio fume en plena campaña electoral”.

O mesmo acontece co servizo de fisioterapia, que como salientou Eva Solla “non é comprensible que o propio presidente da Xunta anuncie 4 consultas de fisioterapia e a día de hoxe o que se teña é unha lista de espera de ata 3 meses para unha simple consulta de rehabilitación ou fisioterapia”.

“Non entendemos como tendo este centro un punto de atención continuada non conte coa base de ambulancias no propio centro, polo que non só imos reclamar que se devolva esa ambulancia 24 horas senón que se acabe cos desprazamentos da ambulancia medicalizada e que a sede estea no mesmo centro de saúde” declarou Eva Solla.

Outro problema fundamental do centro de saúde de Marín é a non cobertura das baixas ou vacacións das matronas. “Non se pode entender que as dúas profesionais do centro a día de hoxe non se cubran e as mulleres de Marín so conten cunha visita cada 3 días dunha profesional ao centro” denunciou engadindo que esta situación “dista moito das recomendacións da Organización Mundial da Saúde e das propias promesas feitas pola consellería de Sanidade”.

Eva Solla indicou tamén a falla dun despacho de farmacia o que contrasta igualmente coa idea lanzada por Feijóo cando dicía que ía ser como un pequeno hospital, e que “queda nun simple centro de saúde pero malo, onde non se substitúen os profesionais e no que non se está a dar cobertura ás necesidades sanitarias de Marín”

Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentará diversas iniciativas que se suman as xa rexistradas no anterior período de sesións e as dúas mocións presentadas pola Marea Marín no Concello, nas que se insta ao Goberno galego a aproveitar a tramitación dos orzamentos do vindeiro ano para incluír partidas que permitan dar solución as seguintes deficiencias do centro:

  1. Telerradioloxía. A posibilidade de facer os estudos radiolóxicos simples no Centro, melloraría a equidade e accesibilidade da poboación aos servizos sanitarios, evitando desprazamentos a Pontevedra.
  2. Déficit de equipamento. O centro non conta cun monitor desfibrilador, ten dúas caixas fortes que non están instaladas e son necesarias para garda fármacos psicotrópicos e estupefacientes, a calefacción e a auga quente fallan e os dispensadores de xabón están oxidados e non funcionan.
  3. Base da ambulancia. A necesidade de situar a base da ambulancia do 061 no propio Centro, o que melloraría os tempos de actuación e asistencia no caso de que fose preciso medicalizar a ambulancia.
  4. Prazas
    • So hai unha praza de fisioterapeuta que pasa consulta, o que provoca unha lista de espera de tres meses e un ximnasio sen utilizar
    • Non hai farmacia, o que provoca desprazamentos a Pontevedra, Centro de Saúde de A Parda ou ben o Centro de Saúde de Bueu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

1 × five =

X