Estás aquí: Inicio » En Marea insta o Estado a que impida a venda do Pazo de Meirás
En Marea reclámalle ao Goberno do Estado que interveña no proceso de venda do Pazo de Meirás “canto antes para impedir que pase a mans de terceiros” mediante a incorporación da Abogacía do Estado. Así o explicou o vicevoceiro no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, o voceiro no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, e a deputada no Parlamento, Ánxeles Cuña, que fixeron fincapé en que desta maneira se recollen as recomendacións das comisións de expertos creadas para o estudo da devolución do pazo ao patrimonio público.
Ademais desta reclamación, En Marea vén de solicitar no Congreso dos Deputados que se proceda a incoar o expediente de recuperación posesoria do pazo e a interposición das accións civís precisas para que retorne ao público.
O vicevoceiro no Parlamento Antón Sánchez sinala que estas “son iniciativas moi imortantes que poden axudar a conseguir un obxectivo: que o pazo non sexa un símbolo da infamia, se non da democracia”, un camiño no que “se ten avanzado despois de que a sociedade civil pelexase por este obxectivo”. Desta maneira, En Marea saúda os consensos das comisións de expertos creadas pola Xunta e a Deputación de A Coruña que afirman que hai que recorrer aos tribunais para que o pazo pase ao patrimonio público. As medidas propostas por En Marea seguen tamén as recomendacións que instan a deseñar unha estratexia común para recuperar este Ben de Interese Cultural e, afirma Antón Sánchez, o debate destas iniciativas “van ser unha boa proba para ver onde se sitúa o PP, se do lado dos demócratas ou dos herdeiros do dictador Franco”.
Pola súa banda, o voceiro de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello sinalou que non se pode permitir que “os tentáculos do franquismo sigan extendéndose no periodo democrático” e que “é o momento de que o PP mostre a súa posición e condena da ditatura franquista”. Fernán Vello engadiu que En Marea esixe tamén a retirada do vídeo de promoción da venda do pazo que usa unha noticia do NO-DO porque “fai apoloxía directa do franquismo nun momento no que asistimos á persecución de rapeiros, pero a apoloxía do franquismo non se toca, é pura ética política que sexa retirado”, afirmou. Para iso solicita a intervención da Fiscalía.
Finalmente, a deputada no Parlamento Ánxeles Cuña, remarcou que as Torres de Meirás deben pasar ao ben público “e estamos dispostas a coordinarnos con tódolos movementos sociais e políticos que van nesta liña, coas persoas que defenden a memoria histórica”. A deputada lembra que a apropiación por parte dos Franco do pazo foi “un roubo a man armada” e que hai probas documentais e libros que así o avalan.
DEMOCRATIZACIÓN DOS MUSEOS MILITARES
O deputado no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, tamén presentou a iniciativa rexistrada no Congreso relativa á necesidade de democratizar os contidos e explicacións en Museos Militares, axunstándose ao período democrático.
“Esixímoslle á ministra de Defensa que se revisen profundamente as explicacións e descricións que se fan nos museos militares”, asegurou o voceiro no Congreso, que puxo como exemplo o Museo da Coruña, no que usan unha linguaxe xustificativa da ditadura e do golpe de estado perpetrado no 36.
“Non é posíble que a estas alturas en museos que deben ter un carácter pedagóxico e informativo se siga facendo apoloxía do franquismo. Son museos públicos, pertencen ao Estado e non se pode tolerar que xustifiquen a ditadura franquista, pedimso que se cumpra a lei”, insistiu Fernán Vello.
Por isto, a iniciativa de En Marea pide realizar unha revisión en profundidade das explicacións e descricións que se realizan dos obxectos, cadros, bustos ou artiluxios que se expoñen nos distintos Museos Militares a fin de democratizar devanditos contidos, eliminando os conceptos que incurren en apoloxía da ditadura franquista.
Isto implica “cumprir o artigo 1, apartado 2, así como o contido íntegro da Lei 52/2007, de 26 de decembro, da Memoria Histórica, que recolle o mandato de fomentar os valores e principios democráticos, facilitando o coñecemento dos feitos e circunstancias acaecidos durante a Guerra Civil e a ditadura nas dependencias dos Museos Militares”.