En Marea esíxelle á Xunta e ao Concello de Vigo que asuman os servizos desmantelados tralo peche da Casa da Xuventude

Estás aquí: Inicio » En Marea esíxelle á Xunta e ao Concello de Vigo que asuman os servizos desmantelados tralo peche da Casa da Xuventude

En Marea esíxelle á Xunta e ao Concello de Vigo que asuman os servizos desmantelados tralo peche da Casa da Xuventude

Vigo, 25 de setembro de 2017.- Nunha rolda de prensa conxunta, a deputada de En Marea Paula Quinteiro e mailo voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, esixíronlle ás dúas administracións competentes que saquen a concurso de xeito inmediato a xestión dos servizos que se viñan desenvolvendo na casa da Xuventude e Punto Xove de Vigo ata o día 31 de agosto, que botou o peche tras un ERE de extinción do contrato das seis traballadoras do centro.

O centro orientaba a miles de vigueses, asesorando profesionalmente a mozos e mozas que buscaban o seu primeiro emprego ou mesmo amosando técnicas de estudo a aquelas persoas que o precisaban. No último ano pasaron polas súas instalacións máis de 22 mil mozos e mozas. Para En Marea é especialmente preocupante que a Xunta se desentenda da prestación de servizos coma a expedición do Carné Xove, actividades de xestión laboral ou a xestión de solicitudes de bolsas.

Para a deputada de En Marea Paula Quinteiro é intolerable que a Xunta desatenda as súas obrigas en materia de información e asesoremento laboral á xuventude ” e máis nun momento no que estamos vendo como emigran miles de mozos e mozas”. O grupo parlamentario xa rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia no que insta á Xunta “a poñer as medidas necesarias para que os servizos competencia da Xunta, como o Carné Xove, sigan a ofertarse na cidade nas mesmas condicións” e que lle esixa ao concello de Vigo “o funcionamento correcto e continuado da Oficina de Informacion Municipal Xuvenil”, cumprindo o Decreto 50/2000 que regula a Rede galega de información e documentación xuvenil de Galicia.

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez tamén anunciou que o seu grupo trasladará ao vindeiro pleno municipal unha moción para que o concello de Vigo saque a concurso de xeito inmediato a xestión dos servizos que se viñeron desenvolvendo na Casa de Xuventude e Punto Xove ata o 31 de agosto, establecendo no prego a subrogación do cadro de persoal que o viña desenvolvendo coa concesionaria anterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

8 − 4 =

X