En Marea esixe á Xunta de Galicia e ao Estado que a cidadanía da Coruña e o seu goberno local participen das decisións sobre os terreos do borde litoral

Estás aquí: Inicio » En Marea esixe á Xunta de Galicia e ao Estado que a cidadanía da Coruña e o seu goberno local participen das decisións sobre os terreos do borde litoral

En Marea esixe á Xunta de Galicia e ao Estado que a cidadanía da Coruña e o seu goberno local participen das decisións sobre os terreos do borde litoral

O grupo de En Marea ven de rexistrar unha proposición non de Lei para o seu debate no pleno do Parlamento na que se insta á Xunta a negociar co Concello da Coruña e as demais partes a revisión dos convenios portuarios do 2004, así como os criterios de ordenación, forma xurídica do consorcio, financiamento e accesos ao porto exterior, e demais apartados contidos na proposta de Protocolo trasladado desde o goberno da Coruña. Para o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, esta proposta “debe servir como base para o obxectivo de acadar os acordos conveniados e de colaboración e cooperación institucional que concreten e definan detalladamente os obxectivos básicos contidos en tal Protocolo”. Así mesmo, En Marea propón dar traslado do acordo ao Ministerio de Fomento, Portos do Estado e Autoridade Portuaria da Coruña e concello de Arteixo, aos efectos de demandar de ditas partes á súa participación e colaboración, no ámbito competencial que lles corresponda, no sinalado no apartado primeiro deste acordo.

A loita que a cidadanía da Coruña, as entidades cívicas e o Goberno municipal ven sostendo estes anos, reclamando a capacidade de decidir democraticamente sobre a ordenación do borde litoral da cidade, desde os terreos da Solaina/ Hotel Finisterre ata os peiraos de Calvo Sotelo/Batería e San Diego, comeza a obter resultados significativos tal e como salientou o vicevoceiro de En Marea, cal é o recoñecemento pola Xunta e Portos do Estado/Fomento da inviabilidade e insostibilidade, urbanística e económica, da execución dos Convenios do 2004 e do propio PXOM da Coruña do 2013.

É necesaria a revisión dos Convenios e do PXOM no borde litoral-portuario algo que hoxe ten acadado consenso entre todas as partes, o cal é un suceso claro tanto da cidadanía como do goberno municipal da Coruña, así como de todas as forzas políticas e entidades que viñan demandando tal revisión desde hai anos.

Fronte á idea inicial e persistente do Estado como da Xunta de Galicia, de executar as determinacións dos convenios do 2004 e da ordenación prevista no PXOM mediante a enaxenación, previa desafectación, de terreos portuarios para, xunto á venta por poxa dos terreos patrimoniais (desafectados no 1999) dos terreos da Solaina/Finisterre, financiar a débeda xerada pola construción do porto exterior de Lagosteira, a realidade é que tanto Portos do Estado como Xunta teñen recoñecido a necesidade de desistir de tal estratexia global.

A revisión dos Convenios do 2004, a modificación do PXOM 2013 e a aposta por borde litoral público en terreos portuarios, ou que o foron no seu pasado recente, así como a garantía do interese social asociado á permanencia na titularidade pública dos mesmos, son hoxe demandas amplamente compartidas pola cidadanía coruñesa, pola Corporación municipal, polo goberno e agora tamén, aínda que non totalmente, pola Xunta e Portos do Estado.

Pese a isto,” o PP, por medio da Xunta e Portos do Estado, teñen amosado publicamente a súa intención de acordar unilateralmente, e con marxinación manifesta do concello da Coruña, as bases conveniadas e criterios de ordenación do borde litoral portuario”, como denunciou Antón Sánchez.
“Preténdese, por simple finalidade e intencionalidade política, deixar ao Concello da Coruña, e polo tanto á cidadanía coruñesa, sen capacidade de decisión e mesmo de participación sobre a futura ordenación dunha parte fundamental do seu territorio, o borde litoral portuario sen a mais mínima transparencia, negociando e acordando sobre a cidade da Coruña sen participación da administración representativa e do seu goberno” afirmou Sánchez.

Pola súa banda o Goberno local da Coruña trasladou a Portos e Xunta a súa proposta detallada nun protocolo no que se recollen tanto os criterios xerais de ordenación como a fórmula xurídica de cooperación institucional e xestión compartida, así como as medidas de acompañamento e derivadas de ditos criterios para abrir un proceso de negociación sobre as demandas da cidadanía coruñesa.

Os criterios xerais de ordenación que pasan pola permanencia na titularidade pública dos bens portuarios, na integración porto-cidade sobre a base do interese público asociado á posta en valor do uso cidadá e da economía produtiva en San Diego asociada aos usos portuarios e complementarios. Unhas medidas de financiamento da APAC e de garantía da conexión ferroviaria co porto exterior que pasen pola asunción polo Estado da débeda derivada do financiamento do porto exterior e da conexión ferroviaria, e todo elo co fundamento do novo marco comunitario de financiamento e réxime dos portos e de réxime de axudas.

O vicevoceiro de En Marea lamentou a actitude amosada por Portos do Estado que se negou a valorar ou negociar dito protocolo na xuntanza do pasado 24 de outubro. Para En Marea esta negativa e a pretensión de deixar fora a goberno local da Coruña implica tamén deixar fora á corporación municipal e a cidadanía coruñesa. “Mal camiño é que para finalidades políticas, inconfesadas e inconfesables, se maquine para deixar á marxe ao goberno lexítimo da cidade da Coruña respecto do futuro do borde litoral portuario e da propia fachada marítima da cidade” argumentou Antón Sánchez.

Por todo isto, En Marea fai un chamamento á rectificación por parte da Xunta e de Portos do Estado e abrir unha negociación co Concello da Coruña e demais partes para chegar a un acordo neste conflito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 × 1 =

X