Estás aquí: Inicio » En Marea esixe á Xunta de Galicia que anule o contrato “a dedo” para o macroevento Son do Camiño
O voceiro de En Marea, Luís Villares, fixo un chamamento á cordura por parte da Xunta de Galicia e que retire o procedemento de adxudicación dun contrato “a dedo” por case 3 millóns de euros para o patrocinio dun festival musical para promocionar o Xacobeo 2021 e abra un novo procedemento que cumpra a legalidade. Neste sentido asegurou que “Feijóo estea decidido a levarnos ou consolidar o neofraguismo, tamén cultural, ao peor da política do fraguismo preconstitucional”.
Nunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia, o voceiro e a deputada Ánxeles Cuña denunciaron o “cheiro a fraude” do procedemento de adxudicación pola Axencia Turismo de Galicia do “Contrato privado de patrocinio publicitario entre Axencia Turismo de Galicia e a UTE Old Navy Port Producións, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L. para a promoción do evento Xacobeo 2012, a través da celebración do festival O Son do Camiño en Santiago de Compostela e cinco concertos nas principais cidades galegas no ano 2018”.
A deputada Ánxeles Cuña asegurou que o sector musical e da cultura do noso país en xeral están a vivir con pánico o que está acontecer e aseguran que “se comeza así a promoción do Xacobeo 2021, mal arrancamos”. Estase a contratar cunha marca, Son do Camiño, que ten a penas 3 meses de existencia e faise sen concorrencia competitiva. Así mesmo o valor do contrato, case 3 millóns de euros, supera por moito o que se destinou a festivais tanto musicais como de artes escénicas en todo o ano pasado, 220.000 euros no primeiro dos casos e 170.000 no segundo. “Con estes 3 millóns de euros teríamos para 20 festivais funcionando durante 10 anos” salientou Ánxeles Cuña.
Así mesmo, a deputada de En Marea destacou todos os requirimentos que teñen que pasar as empresas para a organización de festivais entre outras cousas que teñen que ter unha experiencia mínima de dous anos, mentres esta marca a penas ten 3 meses. Memoria de actividades, memoria económica, e moitísimos datos máis que teñen que aportar algo que non ocorreu neste
“Este tipo de eventos queimase en 6 días e practicamente non deixan nada, repercute só nunha parte moi mínima do sector” asegurou Ánxeles Cuña quen se preguntou por que motivo non se permite ao resto dos festivais acceder en concorrencia competitiva para programar este festival. Lembrou así mesmo que mentres un grupo non pode obter máis de 200.000 euros públicos en tres meses, pero a esta UTE dáselle
“Semella estamos vivindo un ´déjà vu` de retroceso aos tempos de Pérez Valera e a súa frase na que dicía “hai que contratar todos os músicos que se poñan a tiro e tento incluso contratar a esa famosísima cantante galega Carmiña Burana” chanceou Ánxeles Cuña.
A deputada de En Marea denunciou así mesmo a escasa presenza de grupos galegos e en galego que van ademais aos espazos máis pequenos, reservando os grandes para grupos estranxeiros. Así mesmo, nos 10 primeiros grupos so atopamos unha soa muller pese a existir “moitas mulleres potentes e boísimas creadoras no noso país”.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, incidiu nas de ilegalidades nas que o procedemento semella ter incorrido desde o feito de realizarse sen negociado nin publicidade, o uso dunha marca de prestixo que non é tal xa que non ten consolidación social, e a opacidade na información na web de transparencia que non inclúe toda a información do contrato polo tanto incumprindo tamén a normativa en materia de publicidade.
“Non se pode volver ao neofraguismo en ningún caso, pero a preconstitucional, ese que se salta a lei, que non mira polos interese xeral, que deixa marxina ao sector cultural, que extermina o sistema cultural de Galicia debe ser desterrado para sempre” defendeu Villares. Por esta razón, o grupo de En Marea pedirá explicacións en sede parlamentaria.
O voceiro de En Marea declarou tamén que o grupo ten coñecemento de que as empresas van recorrer na vía contencioso administrativa ante unha situación que consideran “un disparate” e cunha “máis que significativa dúbida de legalidade de fondo calado”.
O grupo de En Marea propón polo tanto a retirada inmediata deste procedemento de adxudicación e abra un procedemento de concurso de ideas para a organización de eventos de promoción do Xaboceo aberta a todo o sector. A partir desas ideas mediante adxudicación de contratos cun reparto equitativo que teña en conta o fomento de empresas do país, e que teña claro que a nosa cultura debe ser ante todo exportadora de cultura e non importadora, e que aposte por valores como identidade cultural ou a igualdade.
“O Xacobeo é unha mostra aberta ao mundo do que somos, e debe polo tanto selo tamén da nosa industria cultural” concluíu o voceiro de En Marea.