En Marea denuncia un novo caso de corrupción no Concello de Valga no que estaría implicado o alcalde, o secretario e o interventor

Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia un novo caso de corrupción no Concello de Valga no que estaría implicado o alcalde, o secretario e o interventor

En Marea denuncia un novo caso de corrupción no Concello de Valga no que estaría implicado o alcalde, o secretario e o interventor

O voceiro de En Marea denunciou en Vilagarcía un novo caso de corrupción no que unha vez máis está implicado o Partido Popular, nesta ocasión no Concello de Valga, e no que estarían implicados tanto ao alcalde, José María Bello Maneiro, como o secretario e o interventor deste Concello. O voceiro de En Marea estivo acompañado na rolda de prensa ofrecida en Vilgarcía por representantes das distintas mareas locais da comarca do Salnés.

O voceiro de En Marea comezou a súa explicación dos feitos que o secretario Juan Manuel Salguero del Valle está imputado na Operación Pokemon pola prórroga irregular e condicións de servizo a Aquagest no Concello da Pobra do Caramiñal durante a etapa de goberno do Partido Popular. Posteriormente estivo como secretario de Conde Roa para repetir a operación no concello de Santiago, que foi abortada cando estallou a operación Pokemon.

A primeira das irregularidades denunciadas foi a relativa a nomeamentos por acumulación “co fin de nomear a alguén de confianza que faga a vista a gorda á actividade desenvolta polo alcalde”. “O alcalde José María Bello Maneiro mantén o Concello de Valga nunha situación irregular na provisión das prazas de secretario e interventor, cunha previsión orzamentaria anual para elas moi inferior á que lles corresponde por categoría, o que disuade a ningún funcionario habilitado a pedila, de xeito que rematan sempre por estar vacantes” afirmou Villares. Desta forma, o alcalde, fronte esa vacante, pode botar man de xente que lle resulte cómoda para o exercicio da súa actividade e non poña reparos. Esta denuncia é compartida polo propio Colexio territorial de Secretarios e interventores.

Os motivos que poderían levar a aceptar este postos por menos diñeiros do que se fai habitualmente pode vir porque o alcalde os compensa mediante o pago de dietas ilegais, ou porque noutros casos, o beneficio que o secretario Juan Manuel Salguero del Valle tratou de obter, presuntamente veñen por vía ilícita, como se investiga arestora na Operación Pokemon, na peza relativa á trama de Aquagest.

Documentos que avalan esta irregularidade: DOC. 1: O recurso na vía administrativa interposto polo Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra (COSITAL).

Outra das irregularidades denunciadas polo voceiro de En Marea foi a relativa á adxudicación indebida dun contrato de reforzo administrativo a unha socia do interventor e exercicio das funcións por un terceiro socio. O interventor Juan José Vidal Vilanova é socio dunha mercantil chamada IGLESIAS LAGO VILANOVA ASESORES SL, da que son administradores solidarios, ademais del María Luisa Álvarez Iglesias e Luís Nieto Lago. O Concello adxudicou (21/6/2017) un contrato menor de servizos de reforzo administrativo a favor de María Luisa Álvarez Iglesias, socia do interventor Juan josé Vidal Vilanova.

Realmente, este nomeamento non foi máis que unha tapadeira como explicou o voceiro de En Marea, porque a finalidade era contratar ao outro socio de INTERVENTOR Juan José Vidal Vilanova, chamado Luís Nieto Lago quen si posúe titulación idónea, pero está xubilado e ademais non foi contratado.

“María Luisa Álvarez Iglesias nunca desempeñou estas funcións, e si o fixo con normalidade Luís Nieto Lago, tal como se acredita nas fotografías que se acompañan no informe de En Marea, incluso con atención ao público” afirmou Villares.

Documentos que avalan esta irregularidades:
DOC. 2. Publicación no BORME da empresa, con constancia expresa dos seus socios como administradores solidarios, así como certificación.
DOC. 3. Contrato menor a favor de María Luisa Álvarez Iglesias e aboamento de retribucións.
DOC 4. Publicación doutro procedemento onde se amosa a titulación da adxudicataria
DOC. 5. Reportaxe fotográfica onde se ve a Luís Nieto Lago no seu posto no Concello e incluso atendendo ao público.

En terceiro lugar, outra das irregularidades detectadas no Concello de Valga teñen que ver co aboamento e cobro indebido de dietas por parte do Secretario e o Interventor.  Como o INTERVENTOR Juan José Vidal Vilanova e o secretario Juan Manuel Salguero del Valle actúan por acumulación, e veñen doutros Concellos, o Concello de Valga págalles, ademais do salario previsto nos orzamentos, dúas cantidades por dous conceptos diferentes:

  • Gastos de desprazamento e quilometraxe, que se axustan a dereito, para indemnizalos polo desprazamento.
  • Dietas por desempeño do servizo, que teñen carácter ilegal, ao non estar previstas na lei por se comprender o seu concepto no pago por desempeño por acumulación.

Estamos polo tanto ante unha utilización ilegal de fondos públicos. Parte destes feitos son obxecto de investigación actual na vía penal.

Documentos que avalan esta irregularidades:
DOC. 6. Aprobación polo alcalde da liquidación das dietas de secretario e interventor por acumulación.
De todo o anteriormente exposto dedúcese que no Concello de Valga esta se a dar unha actuación corrupta, ao modo de entender de En Marea, na que existe unha trama de favores que reciprocamente se prestan o alcalde e o secretario e interventor accidentais, da que se benefician eles e máis terceiras persoas, nalgúns casos a nivel económico como para acadar a inexistencia de reparos á actividade desenvolta pola Alcaldía.

Por todo isto, o voceiro de En Marea esixiu ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que dea explicacións por este novo caso de corrupción no que está inmerso unha vez máis o Partido Popular, así como a dimisión inmediata do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro.

Con esta denuncia En Marea prosigue co seu compromiso na loita contra a corrupción e defensa da democracia recollida no seu Plan estratexico de loita contra a corrupción e anunciou que porá en mans da Xustiza toda a documentación da que dispón pero destacou que con independencia dos procesos penais que podan xurdir existe unha responsabilidade ética e política da que os implicados ten que dar.
Enlace ao informe elaborado por En Marea sobre este novo caso de corrupción no Concello de Valga e a documentación que acredita as irregularidades:

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

13 + 14 =

X