En Marea denuncia que a falla de persoal en Adif impide a resolución rápida dos problemas causados polo temporal

Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia que a falla de persoal en Adif impide a resolución rápida dos problemas causados polo temporal

En Marea denuncia que a falla de persoal en Adif impide a resolución rápida dos problemas causados polo temporal

O grupo parlamentario de En Marea pedirá explicacións polos problemas na liña ferroviaria entre A Coruña e Vigo destes últimos días que provocaron importantes retrasos ao non saír o tren á hora prevista e noutros casos tiveron que ser trasladados en autobús. Despois de falar con representantes sindicais ferroviarios En Marea comprobou que unha vez máis a falla de persoal está detrás destes problemas provocando que non se puidera dar unha resposta rápida aos problemas xurdidos a causa do temporal.

Dende o luns 8 de Xaneiro téñense producido varios retrasos de varias horas nos convois, cancelacións e peches de traxecto que obrigan a derivar aos usuarios a autocares, entre outras incidencias.

O día 9 de xaneiro o tren que debería chegar a Santiago de Compostela as 09:40 horas, procedente de Vigo, facíao no entorno das 10:30 horas e hoxe mesmo, os pasaxeiros que percorren o traxecto A Coruña- Santiago e Coruña-Ourense tiveron que ser trasladados en autocar.

A maior parte dos usuarios destas liñas son estudantes e traballadoras, polo que os retrasos nos horarios producen enormes problemas, tanto para acudir aos postos de traballo, clases ou na conciliación familiar. A pesar desta situación dende os responsables das liñas non se produce ningunha información que permita aos usuarios actuar en consecuencia, e paliar os danos provocados por estas deficiencias no servizo, nin se ofrecen explicacións sobre os sucesos que provocan as incidencias. Unha desinformación que incrementa a inseguridade dos usuarios e usuarias e complica a toma de decisión para evitar trastornos laborais ou persoais futuros.

Por todo isto, o grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar unha pregunta no Parlamento de Galicia co fin de que a Xunta de Galicia explique en primeiro lugar se ten coñecemento da situación que se está a producir en canto aos retrasos e suspensión de traxectos do Eixo Atlántico, ao tempo que preguntará polas medidas que pensa adoptar para evitar que se repitan estes acontecementos con esta asiduidade. En Marea preguntará así mesmo cal é o motivo polo que non se informa puntual e correctamente aos usuarios dos retrasos e as cancelacións. Así mesmo, solicitarán a Adif que informe sobre o cadro de persoal actual así como os protocolos previstos para atender as posibles incidencias que se poden dar entre outras cousas por culpa das condicións metereolóxicas.

O deputado de En Marea, Marcos Cal, lamentou a nefasta xestión do ferrocarril en Galicia por parte do Partido Popular que queda exemplificada nas deficiencias do transporte de mercadorías, no servizo de proximidade, a antiga liña Feve, a privatización dos sistema de seguridade, os problemas de conexión de Lugo e Ferrol, a saída sur cara Portugal, os pasos a nivel, os elevados prezos do servizo ou a ausencia de intermodalidade entre outros.

Desde En Marea lamentan a falla de compromiso e interese amosada polo Partido Popular cara o servizo ferroviario pese a ser o transportes máis sustentable e adecuado entre outras cuestións para loitar contra o cambio climático. O deputado Marcos Cal manifestou o compromiso do seu grupo en continuar defendendo e traballando para que o noso país conte cun servizo ferroviario público e de calidade co obxectivo de garantir o dereito a mobilidade das persoas ao tempo que se da unha resposta adecuada ao grave problema de cambio climático.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 + 20 =

X