En Marea denuncia que un de cada 3 empregos perdidos en España no último trimestre do 2017 era galego

Estás aquí: Inicio » En Marea denuncia que un de cada 3 empregos perdidos en España no último trimestre do 2017 era galego

En Marea denuncia que un de cada 3 empregos perdidos en España no último trimestre do 2017 era galego

Os datos publicados da EPA do cuarto trimestre do ano 2017 evidencian que a fase alcista que atravesamos segue tendo como característica fundamental un mercado laboral profundamente precario e desigual como sinalou o deputado de En Marea no Parlamento, Manuel Lago. Galicia, e o estado español, no seu conxunto, e a pesares do crecemento económico, seguen mantendo uns niveis de paro que non son comparables con ningún país da súa contorna. Soamente Grecia, o país que mais se veu afectado pola crise, mantén un índice de paro superior ao español.

En Galicia o número de ocupados caeu en 16.700 persoas facendo aumentar a taxa de paro ata o 14,71 por cento. Galicia, despois de Baleares, Asturias e Castela León é o territorio onde mais caeu o número de ocupados segundo revelan os datos da EPA. Existe un dato que pon de manifesto a deficiencia do mercado laboral galego xa que un de cada 3 empregos perdidos en España no último trimestre era galego.

“Esta caída do número de ocupados ten o seu reflexo na taxa de paro. A taxa de paro galega sitúase xusto por riba da media do Estado, 14,71 por cento, o que pon de manifesto a tremenda anomalía que representa o mercado laboral galego; temos unha taxa de paro máis propia do sur do Estado que do espazo que ocupamos” denunciou o deputado de En Marea, Manuel Lago.

Outro aspecto importante a destacar é que o número de ocupados descendeu en 16.700 persoas, sen embargo, o número de parados soamente creceu en 400 persoas, o que leva a preguntarse onde foron a parar os desocupados restantes. A resposta: a inactividade. Isto é, o paro non aumenta en maior medida porque perdemos poboación activa.

“Pero o aspecto mais preocupante é que Galicia so creou 6.200 emprego durante o período cuarto trimestre 2016 ao cuarto trimestre 2017; moi por debaixo das taxas de crecemento económico que se están dando, moi por debaixo do emprego xerado no conxunto do Estado, e totalmente afastado dos 18.000 emprego que o actual goberno da xunta prometeu que ía crear” concluíu Manuel Lago.

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, pola súa banda criticou que a EPA deixa datos “moi malos para Galicia”, que continúa nunha senda descendente. “O conselleiro de emprego ten que facer algo para mudar esta tónica no noso país salvo que queiran convertelo nun auténtico deserto en materia de emprego”, sinalou.

Ademais, destacou que aumenta o paro nas persoas por debaixo dos 40 anos, polo que parece que “non queren que teñamos futuro neste país”.

“Tamén aumenta o desemprego nas mulleres, que seguen a ser a débeda pendente e diminúen os contratos a tempo completo e aumentan a tempo parcial, algo que está moi ligado á fenda salarial das mulleres, que son as grandes prexudicadas das desigualdades”, engade Díaz. A deputada considera que nos atopamos tamén nestes datos con algo moi grave “que volven a se incrementar os fogares nos que todos os seus membros están en desemprego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × 1 =

X