En Marea defende en Zaragoza o dereito dos pobos a decidir

Estás aquí: Inicio » En Marea defende en Zaragoza o dereito dos pobos a decidir

En Marea defende en Zaragoza o dereito dos pobos a decidir

Zaragoza , 24 de setembro de 2017.- Cargos electos de En Marea defenderon en Zaragoza o dereito a decidir e expresaron o apoio a que a cidadía catalá poida expresarse o vindeiro 1-0. Na Asamblea interviron os alcaldes de A Coruña, Santiago e Ferrol, Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega; o voceiro de En Marea e do seu grupo parlamentario, Luís Villares e a voceira do grupo no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz.

Yolanda Díaz, Martiño Noriega e Luís Villares mantiveron un encontro cos medios no que manifestaron o carácter autoritario das políticas que está desenvolvendo o Partido Popular e que estas actitudes explicaban a participación de En Marea nesta asamblea.

Para Yolanda Díaz , “En Marea é convocante desta asamblea de cargos públicos. Estamos convencidas de que soamente se camiña dende o diálogo, a fraternidade e convivencia”. Tamén sinalou a parlamentaria que “o pobo catalán leva xa demasiados anos reivindicando poder votar e sempre imos estar do lado da democracia e contra a barbarie”.

Díaz recalcou que o feito de “que haxa alcaldes e alcaldesas imputadas de todas a organizacións políticas, é unha barbaridade en termos democráticos. Pedimos sensatez e propostas”. No mesmo sentido propuxo poñerse a “dialogar,poñamos ao Goberno de Catalunya e España a negociar. As catalás/ns poden votar a decidir o seu futuro”.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou que “A pluralidade é unha suma que multiplica. A defensa dos dereitos fundamentais como o de decidir e das ideas tan básicas como a democracia, xúntannos aquí”.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, apuntou que apoiar “o feito de que a xente decida é que puxo en marcha En Marea e hoxe estamos aquí para axudar ese chapapote autoritaria que está contaminando a democracia”. Villares tamén explicou nas súas declaracións que a fenda que o PP abriu “coas súas negativas a dialogar son un problema de democracia, un problema de non querer escoitar e de recorrer á forza como argumento”.

Mentres se celebraba a asamblea no pabellón zaragozano siglo XXI, fóra catro centenares de neonazis se manifestaban sen que a policía puidese intervir polo traslado de efectivos policíais a Barcelona.

Martiño Noriega declarou: “Temos aos corpos de seguridade buscando material inflamable en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión da xente. Estamos aquí representantes de todo o Estado, dun sector amplo da esquerda, rodeados por 500 neonazis e comentan que non hai suficientes recursos de seguridade para saír e marchar a casa. Isto demostra a quen lle está a dar a centralidade o PP. É un reflexo do retroceso dos dereitos fundamentais e na criminalización que o PP está a facer”.

Para Yolanda Díaz, a situación que se vivía no exterior do pabellón “É inadmisible que 600 cargos públicos queden pechados e sitiados máis de 4 horas só por un debate sobre democracia. Pediremos explicacións ao Goberno polo que sucedeu. Ante as ameazas e actitudes que lembran a tempos de ditadura, nós seguiremos apostando pola democracia e o dereito a decidir”.

Pola súa parte, Luís Villares sinalou que o vivido no exterior do pabellón “era outra demostración de como o goberno do PP manexaba as cousas para que a lei que tanto din que se debe cumprir só se cumpra nos casos que a eles lles convén. O voceiro de En Marea explicou que “a proposta dos demócratas é xusto a contraria: diálogo e votar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eleven − four =

X