En Marea debate co sector da cultura e do espectáculo as emendas á futura Lei de Espectáculos Públicos

Estás aquí: Inicio » En Marea debate co sector da cultura e do espectáculo as emendas á futura Lei de Espectáculos Públicos

En Marea debate co sector da cultura e do espectáculo as emendas á futura Lei de Espectáculos Públicos

Santiago, 29 de setembro de 2017.- O grupo parlamentario En Marea convocou a representantes do mundo da cultura, do espectáculo, das orquestras, representantes políticos locais e demais sectores afectados pola futura Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia. O obxectivo é debater as emendas a presentar ao texto normativo, que chegou á Cámara galega sen ser consensuado con boa parte do sector.

“Estamos moi satisfeitas co traballo realizado, pois a maiores do debate presencial xa recibimos moitas emendas por vía telemática de moitos sectores afectados”, celebrou a deputada Luca Chao trala xuntanza. Pola súa banda a parlamentaria Ánxeles Cuña insistiu na necesidade previa de “definir que é un espazo público e que aforos debe regular”.

Para En Marea hai que buscar un equilibrio entre igualdade, seguridade e convivencia e tras escoitar o sector consideran que a nova normativa contempla sancións desproporcionadas. “Non pode ser que a unha organización sen ánimo de lucro que ten todo o dereito a convocar un acto público se lle esixan os mesmos requerimentos que a un gran evento, arriscándose a multas de entre 300 e 3.000 euros”, denunciou Cuña.

Asimesmo, En Marea habilitou o correo electrónico gp-enmarea@parlamentodegalicia.gal para recibir todas as emendas e suxestións daquelas persoas que non puideron acudir á convocatoria no Parlamento de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

four × 2 =

X