En Marea considera un “grave erro antidemocrático” que goberno español fulmine a lexítima representación dos cataláns

Estás aquí: Inicio » En Marea considera un “grave erro antidemocrático” que goberno español fulmine a lexítima representación dos cataláns

En Marea considera un “grave erro antidemocrático” que goberno español fulmine a lexítima representación dos cataláns

O voceiro de En Marea, Luís Villares, considera “un grave erro democrático a decisión tomada polo Goberno español”. “A utilización espúrea do artigo 155 para suprimir o autogoberno de Cataluña e fulminar aos lexítimos representantes do pobo catalán escollidos democráticamente tanto na figura do seu Goberno como do seu Parlamento, vulnera calquera regra de xogo democrático” denunciou.

Para En Marea é o momento de deter esta situación e recoñecer a lexitimidade tanto do Parlament como do seu Goberno como lexítimos interlocutores á hora de resolver un conflito co Estado que ten natureza política e polo tanto require unha solución política. En Marea insiste en que a única vía é o diálogo para buscar unha solución pactada que se debe traducir nun referendo pactado no que se poda expresar con garantías a vontade do pobo de Cataluña.

“Se non é contamos co marco constitucional suficiente teremos que ir a un proceso constituínte onde caiba o recoñecemento pleno do dereito a decidir, neste caso do pobo de Cataluña e onde se respecte o contido da súa decisión. Pero débese de facer dun xeito dialogado e pactado” salientou Villares.

Así mesmo asegurou que “non é asumible en termos democráticos que ante un conflito de natureza político, unha das partes decida fulminar a outra de xeito político mediante a anulación da capacidade de autogoberno tanto no executivo como no lexislativo de Cataluña”. “Non é lexitimo suplantar a vontade democrática mediante unha imposición unilateral por parte do Goberno do Estado da asunción dunha representatividade que non lle corresponde e que non ten raíz democrática” engadiu.

Por todo isto, desde En Marea fan un chamamento á suspensión inmediata das medidas acordadas e a un diálogo entre todas as partes que teña como resultado un proceso constituínte onde se recoñeza o dereito a decidir do pobo de Cataluña e un referendo pactado con todas as garantías para que a cidadanía sexa escoitada e a súa decisión escoitada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

5 × 5 =

X