En Marea acusa ao PP de ser “partidarios da medocracia” para silenciar os males do país

Estás aquí: Inicio » En Marea acusa ao PP de ser “partidarios da medocracia” para silenciar os males do país

En Marea acusa ao PP de ser “partidarios da medocracia” para silenciar os males do país

Durante a sesión de debate do estado da Nación no Parlamento de Galicia.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, arrancou a súa intervención na sesión no debate do estado da Nación anunciando o voto en contra do seu grupo a proposta do PP relativa a apoiar o discurso de Felipe VI xa que “non admitimos leccións de democracia do herdeiro do herdeiro de Franco, de alguén que está nun posto sen ser votado e que deu un discurso digno de ser herdeiro do herdeiro do franquismo”. Tras esta explicación Sánchez proseguiu recriminando ao presidente da Xunta o discurso do pasado mércores que fai pensar que “vivimos no día da marmota”. “Galiza vive atrapada nun bucle interminable. Presa dun bucle no que os problemas se repiten agravados e nunca atopan solución” afirmou Sánchez.

O vicevoceiro asegurou que ao PP o único que lles dou é perder o poder e que aos seus amigos das grandes empresas lle mingüen os beneficios, non Cataluña nin Galicia como din, e menos aínda o sacrificio da xente do común. “Cando se evidencia que non convencen, que o labor de propaganda dos medios amigos é estéril, cando non dan confundido á opinión pública con discursos de baleira tecnocracia, daquela o Goberno Inexistente activa o discurso do medo. Son partidarios da medocracia, non da democracia” denunciou.

Medo para demonizar toda voz crítica. Medo que un día se chama Venezuela. Medo que outro se chama Cataluña. Medo dos okupas. Medo que titulan como turismofobia. Medo para esconder a súa falta de goberno, de capacidade, de decisión e de compromiso real con Galiza. “Fan propaganda e propagan medos” declarou e para ameazar aos cidadáns engadiu “din que nos colocamos fóra da legalidade” para o que esixiu ao PP que “deixen de disfrazar o autoritarismo cun pano da legalidade”. “Non lle temos medo nin a Vostedes, nin ás prácticas de guerra sucia do Partido Popular, nin ás súas listas negras, coaccións ou amezas” afirmou.

“Vostedes son tan só os representantes da Constitución do Garrote, da limitación de dereitos e liberdades, dos consensos obrigados e forzados desde unha posición de forza propia dun Estado de excepción” declarou. Sánchez lembrou que toda constitución democrática ten un núcleo básico: o dereito a decidir democraticamente todo, a exercer plenamente os dereitos para construír a convivencia e as políticas comúns a través do debate e do diálogo, a decidir libremente as relacións das nosas nacións coas outras nacións e co Estado. Por este motivo, chamou ao PP a non en aferrarse no inmobilismo. “A súa Constitución é a do Inmobilismo e a do Garrote, a nosa é a que se fundamenta no dereito a deliberar e decidir sobre todo dando así sentido democrático pleno ao noso autogoberno” explicou o vicevoceiro de En Marea.

“Van mal en democracia porque van mal en memoria histórica e aínda non saldaron contas co seu pasado autoritario. A súa Constitución está ao servizo da construción de consensos obrigados, a nosa a favor do recoñecemento das diferenzas, da pluralidade” engadiu. Unha pluralidade sacrificada a diario nos medios de comunicación públicos que “vostedes xestionan como medios de Partido”. Por iso En Marea presentou unha resolución para  garantir nos medios públicos galegos unha información precisa, plural e veraz e para lograr a equiparación a actual representatividade política deste Parlamento nos órganos de control da CRTVG.

Ante o problema da corrupción e a falla de acción por parte do PP, En Marea presenta unha proposta para o control e a fiscalización das malas prácticas políticas este Parlamento resolva pedir a creación dunha fiscalía anticorrupción en Galiza, cos medios precisos para soster unha loita eficaz, contundente e contra a corrupción.

“Para golpes á Constitución os que lle dá o Partido Popular. Non falen de golpismo, fagan favor. Non hai dereito social recoñecido na Constitución que Vostedes non teñan golpeado, aldraxado ou rebaixado” continuou Sánchez.

Para o grupo de En Marea é imprescindible rematar coa demolición controlada do noso sistema de benestar. Políticas destinadas a baleirar de recursos a sanidade pública, precarizando as condicións laborais do persoal que atende aos nosos fillos, aos nosos maiores e derivando pacientes á sanidade privada.

Outro tanto acontece coa educación pública. Nos últimos 8 anos, pecharon 116 escolas públicas. Nese mesmo tempo, abriron 220 unidades privadas e concertadas. De novo cartos públicos rematan na empresa privada. “Trátase de converter un servizo público no negocio duns poucos” asegurou o vicevoceiro. Precisamos reverter os recortes en sanidade e en educación para mellorar o servizo, para non depender de convenios con empresas privadas e para recuperar os postos de traballo públicos. Que poña en marcha canto antes o Plan Galego de Saúde Mental. Galicia precisa un sistema de benestar social que garanta o dereito constitucional a unha vivenda digna“pero para recoñecer dereitos o PP non se lembra da Constitución, só para recortalos” lamentou Antón Sánchez.

Po este motivo, En Marea propón unha política de benestar que atenda novas necesidades invisibilizadas durante décadas, como é o papel dos coidados, na que as administracións deben intervir para evitar que este traballo recaia sempre nas mulleres. Propoñemos nese sentido un Pacto Galego pola Conciliación e unha Estratexia Galega de Socialización de Coidados.

En Marea aposta por un sistema de benestar verdadeiramente universal que reverta os recortes, que amplíe dereitos e que dea resposta a necesidades novas.
“Mercantilizan o benestar, fan políticas para os máis fortes. Van da man dos podentes e de costas aos que padecen as desigualdades. Para rematar con esta deriva darwinista, de barbarie social” En Marea insta á Xunta a aumentar os seus investimentos sociais para dar soporte financeiro a lei que supere á actual RISGA mediante unha renda galega de cidadanía como dereito subxectivo.

En Marea demanda unha estratexia de atención a persoas sen fogar e transeúntes, e a dotación dun parque de vivendas de titularidade autonómica para aluguer social que garanta o dereito á vivenda digna.

Entenden necesario un plan de choque para reducir o número de persoas en situación de privación material severa e un plan de traballo para aliviar a pobreza enerxética. “Non podemos tolerar o que está a acontecer, que os desafiuzamentos, a pobreza enerxética, e a pobreza teña o carácter estructural que ten hoxe neste país” explicou.É absolutamente imprescindible, como sinalou Antón Sánchez, que se reforcen os programas de infancia e familia até, canto menos, o gasto medio da UE- para impulsar un Plan de Choque contra a Pobreza Infantil en Galiza.

Hai que ampliar a cobertura e protección das nosas persoas maiores. É necesario esixir ao goberno do Estado a que derrogue a reforma das pensións do ano 2013 e garanta a percepción íntegra das pensións para aqueles traballadores con 35 ou mais anos cotizados con independencia da idade de xubilación. Galicia ten que enfrontar a mellora da situación das persoas dependentes e das súas coidadoras, mellora que pasa por esixir ao Estado o desenvolvemento e financiamento estable da Lei de Autonomía Persoal e rematar coas persoas sen atender no “limbo da Dependencia”. Para iso é preciso dotarnos dun Sistema Galego de Asistencia Persoal para a Vida Independente e comprometer as partidas económicas necesarias para garantir o cumprimento da Lei Xeral de Dereitos das persoas con Discapacidade.

O vicevoceiro fixo mención especial para o accidente do Alvia, lembrando que hai días, En Marea no Congreso dos Deputados rachou a coalición de silencio e conseguiu abrir unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia. “Quedaron sós vostedes, o PP, na defensa infame do silencio” afirmou. Por iso, no Parlamento de Galicia, En Marea defende de novo a apertura dunha comisión de investigación sobre seguridade ferroviaria.

“A igualdade real e a non discriminación das mulleres non se consegue con declaracións, non se consegue con titulares” para o que En Marea defende que as políticas públicas que fagamos leven unha ollada de xénero transversal, que sexa a maneira de levar políticas feministas a todos os ámbitos.Defendemos que, canto menos, un 1% dos orzamentos vaia destinado a estas políticas.

Sánchez referiuse tamén á solidariedade internacional e a inacción diante da crise dos refuxiados de Siria acusando ao PP de facer unha farsa, porque o señor Mariano Rajoy incumpriu os seus compromisos diante dunha crise humanitaria sen precedentes. “Este Parlamento e a Xunta de Galicia por dignidade e humanidade debe comprometerse cun Plan de Acollida de Persoas Refuxiadas” afirmou.

Antón Sánchez acusou á Xunta de renunciar a ser unha peza clave do desenvolvemento da economía produtiva de Galiza. “A crise valeulles de coartada para decretar a retirada do autogoberno galego do impulso, control e planificación das políticas económicas” asegurou.

“Un Goberno sen políticas económicas e industriais, non é un goberno” dixo Sánchez quen sinalou que a política económica do PP nos sectores produtivos máis relevantes de Galicia foi “deixar facer e sobre todo deixar desfacer aos grandes actores económicos en prexuízo dos pequenos e medianos empresarios, dos autónomos e das iniciativas de economía social”.

EpPara tapar a ausencia de políticas económicas públicas apuntou a lei de desregulación económica que “eufemisticamente bautizaron como Lei de Promoción de Iniciativas Económicas, que non é outra cousa que unha Lei de Promoción do Espolio Económicos dos bens comúns e naturais”. “Unha lei de repartición do botín mineiro, enerxético e forestal.

A proposta do Partido Popular institucionaliza un modelo colonial de explotación de recursos naturais e santifica o espolio de bens comúns ao permitir o desenvolvemento de actividades extractivas que teñen grandes impactos ambientais, maximizan os beneficios empresariais e xeran poucas ou nulas rendas ecosociais” denunciou.O grupo de En Marea instou a deseñar alternativas políticas e económicas sustentables que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Galiza, xeren rendas ecolóxicas e sociais e que impulsen iniciativas económicas locais creadoras de emprego de calidade.

Galicia precisa un Plan de Choque urxente contra o desemprego daqueles sectores máis afectados pola crise económica e un Plan de Loita contra a Explotación Laboral, reforzando o papel da Inspección Laboral para que actúe contra os contratos en fraude de lei e que defenda os dereitos dos traballadores. Pero as propostas de En Marea destacan tamén a necesidade de mudar o modelo empresarial e produtivo.

No relativo á afirmación repetida polo PP de “bos xestores”, Antón Sánchez, asegurou que o único no que son bos xestores é “da submisión”. “Xestores sen políticas, xestores de nada. Xestión sen consecuencias positivas. Dende que ocuparon a Xunta en 2009 proclamaron que ían facer máis con menos. Fixeron menos e case que nada. Nada por ampliar competencialmente o noso autogoberno. Gran mérito” destacou Sánchez. Unha xestión que deixa datos como un 295 por cento máis en nove anos.

Tan só son xestores da submisión. “Son innumerables os episodios que evidencian a debilidade política e de xestión da Xunta de Galicia. Expresión de debilidade extrema fronte aos caprichos do Goberno Central en asuntos estratéxicos para Galicia como a AP-9” salientou.  Unha incapacidade que quedou evidenciada na desastrosa redacción do novo Plan de Transporte para Galiza e para o que En Marea presentou igualmente unha proposta.

“A AP-9 é un dos mellores exemplos da súa predilección polo capitalismo de «amiguetes» e as privatizacións a prezo de saldo. Negocio para facer amigos e amigos para facer negocios. Un dos grandes exemplos de corrupción “legal” foi a privatización da AP9 do Goberno de Aznar” continuou Sánchez. Para atallar a súa falta de iniciativa política presentamos unha proposta de resolución para que no prazo de 3 meses se elabore un estudo da viabilidade do rescate da AP9, contemplando o seu custe económico, un estudo de viabilidade, o seu impacto tarifario para o público, e as alternativas para o seu financiamento.

CATALUÑA COMO PRETEXTO PARA A SÚA ESTRATEXIA DE MEDO

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, acusou ao PP de empregar Cataluña coma “pretexto para a súa estratexia de medo” mentres que para En Marea é “un motivo de esperanza democrática”. “Para o Partido Popular un pretexto para intentar esmagar de vez a vontade soberana da maioría dos cataláns e catalás, para impoñer un teito baixo ao exercicio da democracia, para proscribir a rebeldía cidadá. É a coartada para ensaiar unha reforma non declarada do Título VIII da Constitución, para impoñer na práctica unha rebaixa recentralizadora a todos os autogobernos” denunciou Sánchez. Así mesmo afirmou que “a aplicación do artigo 155 é o soño húmido do seu autoritarismo, a ocasión perfecta reducir todo goberno a descentralización administrativa”.

“O seu medo. A nosa esperanza. Poder decidir o noso dereito democrático básico. Cataluña fai unha demanda democrática: quere exercer o seu dereito a decidir. Con toda liberdade.
Dixo Castelao que «Galiza deixará de loitar pola liberdade cando a conquira». E a nós parécenos moi ben que Cataluña faga o mesmo. Porque podendo Cataluña decidir agora, Galiza poderá facelo mañá” concluíu o vicevoceiro de En Marea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2 × four =

X