Luís Villares: “Rueda emprega os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías de Pontevedra co obxectivo de recuperar a Deputación”

Estás aquí: Inicio » Luís Villares: “Rueda emprega os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías de Pontevedra co obxectivo de recuperar a Deputación”

Luís Villares: “Rueda emprega os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías de Pontevedra co obxectivo de recuperar a Deputación”

Esta mañá o voceiro de En Marea Luís Villares e mailo actual concelleiro de Deportes no goberno de Tui por Son de Tui, Laureano Alonso, ofreceron unha rolda de prensa para denunciar a “vergoña democrática” que se perpetrará o vindeiro martes a través dunha moción de censura por parte dos partidos da oposición contra o goberno actual de Tui.

Para Laureano Alonso, que cualificou a moción de “cambalache”, a operación procede dun “pacto contra natura” entre os partidos do centro dereita, “unha situación grotesca na que o PP fai deixadez das súas responsabilidades e, malia ser a lista máis votada, renuncia a asumir a alcaldía en favor de Converxencia 21, un partido que se fai chamar galeguista e soberanista, encabezado por Carlos Vázquez Padín”, que presumiblemente asumirá a alcaldía.

O concelleiro de Son de Tui lamentou este movemento, “cando o goberno de Tui está funcionando razoablemente ben, a pesar dos bloqueos da Xunta, que está paralizando moitos investimentos no último ano e medio” e sinalou como exemplo a rotonda na estrada PO-404, “paralizada malia que as expropiacións levan tempo aprobadas”. Alonso, que asegurou que se vai “como entrei, cunha man diante e outra detrás e a cabeza moi alta”, agradeceu a presenza de Luís Villares na vila para apoiar o actual goberno e agarda “que a cidadanía lle faga ver ao PP nas vindeiras eleccións” o descontento con esta moción.

Pola súa banda, o voceiro de En Marea Luís Villares denunciou con dureza a actitude do PP por utilizar os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías de Pontevedra: “O barco popular, pilotado por Feijóo e que neste caso ten como patrón a Alfonso Rueda desembarcou en Tui para provocar pola forza orzamentaria un cambio de alcaldía, empregando recursos públicos de forma inaceptable”.

“Como é posible que o acordo entre as forzas políticas que promoven a moción de censura recolla compromisos da Xunta coma a construción dos novos xulgados, a EDAR ou o pantalán deportivo?” pregúntase o voceiro de En Marea. Para Luís Villares esta é a demostración de que “o PP actuou de forma sectaria, tratando a cidadanía de Tui como moeda de cambio porque lle interese ter a alcaldía para recuperar a Deputación de Pontevedra, á que Rueda consideraba o seu cortijo”.

Para En Marea a moción de censura de Tui responde ao “nerviosismo do PP, que vía como a alcaldía estaba funcionando ben, facendo cousas que levaban décadas pendentes e sabían que isto consolidaría unha acción de goberno e o espazo político de En Marea, de xeito similar ao que fixeron en Sanxenxo”. Sinalou Villares que “o PP só sabe gobernar a golpe de corrupción, pero mandámoslle a mensaxe a Rueda de que nin é o rei de Pontevedra, nin a cidadanía pontevedresa son os seus súbditos, a democracia non funciona así”.

Finalmente, o voceiro de En Marea anunciou que preguntará no Parlamento de Galicia polo emprego de recursos públicos para favorecer un cambio de goberno en Tui “ao servizo dos intereses espúreos do PP e de Rueda”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ten − 9 =

X