Luís Villares recrimina a Feijóo a súa negativa a solicitar o corredor atlántico ferroviario para Galicia

Estás aquí: Inicio » Luís Villares recrimina a Feijóo a súa negativa a solicitar o corredor atlántico ferroviario para Galicia

Luís Villares recrimina a Feijóo a súa negativa a solicitar o corredor atlántico ferroviario para Galicia

Luís Villares, voceiro de En Marea, recriminou a Alberto Núñez Feijóo que minta ao Parlamento de Galicia e aos galegos sobre as infraestruturas do país e sobre o futuro do corredor atlántico ferroviario advertindo que o presidente da Xunta non fixo ningunha solicitude para que Europa financie este traxecto chave para que as mercodorías dos portos galegos poida chegar ao resto do continente.

Villares asegurou que non se pode dicir que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna e Feijóo “sexan do mesmo partido posto que están en posicións radicalmente diferentes os dous prexudicando a Galicia”. O voceiro de En Marea explicou que a Comisión Europea “declarou financiable o tramo ferroviario Monforte-Palencia, que sería a vía de saída para as mercadorías galegas cara a Europa”. Luís Villares sinalou na sesión de control ao presidente que para que Europa financie esta infraestrutura hai que cumprir un requisito: “que o goberno español solicite a Europa esta financiación”. O voceiro explicou a seguir que esta petición “non se fixo” e non se fixo polo enfrontamento entre Feijóo e o actual ministro de Fomento.

Luís Villares sinalou os tres motivos polos que a Xunta de Galicia se desentendeu do corredor atlántico ferroviario:

  1. “Vostede non lle pediu a DE LA SERNA de xeito explícito e formal o financiamento das obras do corredor atlántico nas redes Vigo e Coruña- Monforte- León-Palencia. Se o fixo, RÉTOO a que ensine publicamente o documento con data anterior ao día de hoxe”.
  2. “Non hai financiamento para o PORTO SECO de Monforte. Se vostede realmente quixese un corredor europeo, estaría preparando Monforte para ser centro de carga de todas as mercadorías portuarias de Galicia. Orzamento para Monforte en 2018: CERO”.
  3. “Vostede NON LLE PEDIU NADA a De la SERNA porque vostede carece de estratexia portuaria para Galicia, nin de mobilidade, nin industrial”.

Villares explicou a liorta interna do PP entre Feijóo e De la Serna e o engano do presidente ao ministro coa entrada do AVE a Ourense. “Ese engano estano pagando os galegos porque o ministro decidiu vingarse con Galicia nas autopistas, no AVE e agora tamén no corredor atlántico ferroviario”. O voceiro de En Marea sinalou que non conseguir para Galicia o corredor atlántico ferroviario significará “deixar a Galicia desconectada do resto de Europa, unha oportunidade que se se perde deixará a Galicia marxinada unha vez máis polo fracaso e a irrelevancia de Feijóo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

eleven + 5 =

X