Estás aquí: Inicio » Luís Villares reclámalle a Feijóo unha actitude proactiva para buscar un comprador para Alcoa e para manter o emprego en Ferroatlántica
O voceiro de En Marea lembroulle a “situación alarmante” do Índice de Produción Industrial, cunha caída que quintuplica a media estatal
Esta mañá durante a sesión de control ao Goberno no Parlamento de Galicia, o voceiro de En Marea recriminoulle ao presidente da Xunta que Galicia atópase nunha situación de produción industrial alarmante, coa maior caída do Estado, “mentres o seu goberno se mantén á expectativa”. “A principal causa de que perderamos máis dun 11% de produción industrial nun ano é a situación das industrias electrointensivas”, sinalou Villares, que lle lembrou o drama social que se atopa trala incerteza do futuro de Alcoa e Ferroatlántica.
No caso de Alcoa, En Marea insta á Xunta a que se poña “mans á obra” para buscar un comprador, tal e como está facendo o goberno asturiano coa planta de Avilés. E con Ferroatlántica, Villares esixe unha mensaxe clara ao comprador e a vinculación entre o salto eléctrico e a produción industrial da empresa. “Non nos vale o mantemento formal dunha fábrica, cun forno que bote un pouco de fume, pero sen traballadores”, lembroulle a Feijóo, de quen considerou que “está perdendo unha oportunidade para compremeterse na defensa da industria”.
Nese sendo, Villares insistiulle a Feijóo que a Xunta ten competencias para garantir o mantemento do emprego. “Ten a posibilidade de de recuperar as concesións hidroeléctricas caducadas ou próximas a caducar e é o momento de establecer as condicións legais e técnicas para crear unha axencia pública de enerxía hidroeléctrica”, sinalou o voceiro de En Marea.
“Hoxe tamén espertamos co dato de que os galegos somos os máis afectados por EREs despois dos valencianos, o dobre que o ano pasado por estas datas”, engadiu o voceiro de En Marea na súa intervención, “pois a perda de riqueza industrial tamén ten consecuencias para o emprego que se reflicte na desesperación e angustia das familias que non saben se van poder pagar a súas facturas a finais de mes”. “Exerza a iniciativa para que o Estado regule de cara a acabar co oligopolio eléctrico e poñer fin á estafa que sofren as familias coa factura da luz a finais de mes”, concluíu.