Luís Villares: “Se os Orzamentos non valen para a xente, non os queremos e por iso pedimos a súa devolución”

Estás aquí: Inicio » Luís Villares: “Se os Orzamentos non valen para a xente, non os queremos e por iso pedimos a súa devolución”

Luís Villares: “Se os Orzamentos non valen para a xente, non os queremos e por iso pedimos a súa devolución”

O grupo de En Marea anunciou que pedirán a devolución dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano por se tratar dunhas contas “decepcionantes e intolerables”. O voceiro de En Marea, Luís Villares, explicou que “botar contas non é tan difícil, o que hai que saber é para que valen e para iso teremos que saber cales son as necesidades da xente e a partir de aí marcar os orzamentos, non como se está a facer pensando unicamente en recuperar a imaxe queimada do Goberno galego”.

Nas contas da Xunta de Galicia para 2018 non se dá resposta a ningún dos principais problemas de Galicia como salientou Luís Villares. Así non atopamos solución para o grave problema de emprego no noso país onde non só non se recuperan postos de traballo ao mesmo ritmo do resto do país senón que ademais o que se está a crear ven marcado pola precariedade. A falla de expectativas da mocidade segue sen reacción por parte do Goberno galego. A reconstrución do territorio despois da vaga de lumes semella tampouco ser unha prioridade para a Xunta xa que tampouco se atopan partidas para este fin, nin para a mellora do rural nin unha aposta por unha nova política forestal. Non se reforzan os servizos públicos en sanidade nin educación, nin se inviste en camiñar cara á igualdade entre mulleres e homes, nin atopamos partidas destinadas a mellorar a vida dos maiores, entre outras moitas carencias. Por este motivo, o voceiro de En Marea afirmou que “se os orzamentos non valen para a xente, non queremos estes orzamentos e por este motivo os devolveremos o vindeiro luns”.

O deputado de En Marea, Manuel Lago, pola súa banda asegurou que os Orzamentos 2018 “reflicten claramente a estratexia neoliberal do Partido Popular” xa que van medrar por debaixo do PIB o que supón unha redución do peso do gasto público na economía. “Estamos ante un principio ideolóxico tal e como acaba de comunicar o Ministro Montoro en Europa sinalando que a intención do PP é baixar ao 40,6 o gasto público, o que se traduce nun recorte de máis de 7.200 millóns de euros na sanidade e na educación” denunciou Lago.

“É un Orzamento da resignación que En Marea non pode aceptar” declarou e por iso ademais de presentar unha emenda á totalidade ás contas, o grupo parlamentario presentou unha emenda cruzada de incremento do gasto público. Así, En Marea propón incrementar en 500 millóns de euros os recursos dispoñibles a través dun cambio da política fiscal facéndoa máis progresiva e actuando nos tramos máis altos e o patrimonio. Así mesmo, o grupo sinala a existencia de 278 millóns de euros que se están a destinar a gastos “superfluos” que debe ser transferidos á atender ás necesidades da xente. Os beneficios fiscais da Xunta no 2018, como informou Manuel Lago situáronse nos 408 millóns de euros polo que defenden unha redución acaída que non actúe sobre persoas con menores ingresos pero hai marxe de actuación.

Manuel Lago propón recuperar as políticas públicas a intensidade previa á recesión, un plan de mellora e garantía da sanidade universal, un plan urxente de traballo e un plan estratéxico de loita contra a pobreza e a exclusión social, e un plan de impulso e mellora do ensino público universal. “Propoñemos 26 eixos que servirían para mudar o país e rescatar ás persoas ante uns deprimentes orzamentos que non serven para mellorar a vida da cidadanía” concluíu Manuel Lago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

five − four =

X