Luís Villares: “Non é momento de pedir dimisións pero si explicacións por unha situación na que a Xunta co seu presidente á cabeza veuse notoriamente superada”

Estás aquí: Inicio » Luís Villares: “Non é momento de pedir dimisións pero si explicacións por unha situación na que a Xunta co seu presidente á cabeza veuse notoriamente superada”

Luís Villares: “Non é momento de pedir dimisións pero si explicacións por unha situación na que a Xunta co seu presidente á cabeza veuse notoriamente superada”

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O voceiro, Luís Villares, trasladou todo o apoio e solidariedade de En Marea con todas as persoas que “perderon todo ou moito” e sobre todo coas familias das catro vítimas mortais confirmadas ata o momento. “Unha vez máis é a cidadanía a que defende o ben común coas súas propias mans unha vez máis e cunha notoria falla de medios” declarou Villares. Ao mesmo tempo, o voceiro de En Marea quixo poñer en valor o recoñecemento de En Marea á cidadanía de Galicia que “é un exemplo que nos honra” e as equipas de extinción de incendios que está a levar a cabo un “traballo infatigable”. “Tamén para todo aquel persoal que de xeito voluntario incorporouse de xeito voluntario pese a non estar nin contratado” engadiu.

Villares fixo un ofrecemento ao conxunto da sociedade galega trasladando a disposición dos medios dispoñibles polo espazo de En Marea naqueles lugares nos que teñen responsabilidade de Goberno para colaborar na extinción dos lumes. Así mesmo, destacou a aposta das mareas municipais que desde o principio e en todo momento estiveron envorcadas coa cidadanía.

O voceiro de En Marea asegurou que “hoxe non é o momento de pedir dimisións senón que os responsables políticos traballen tentando de dar solución a aquelo que non fixeron en todos estes anos” “Pero si é tempo de pedir explicacións” continuou Villares asegurando que a Xunta de Galicia co seu presidente á cabeza veuse “notoriamente superada” por unha situación de lumes que non é toda imputable ao Goberno galego xa que as elevadas temperaturas ou a actividade incendiaria non é imputable, pero si outros aspectos como a falla de previsión dun dispositivo apropiado ou a coordinación das equipas de extinción de lumes. “Corresponde a Xunta facer unha previsión para contar cos medios necesarios ante unhas condicións metereolóxicas que xa se coñecían. Corresponde á Xunta previr os lumes que poidan vir doutros territorios veciños e en consecuencia mobilizar todos os medios dispoñibles” incidiu Villares. “Non é admisible que houbese brigadistas na casa desde hai días sen contrato coa previsión de condicións climáticas que tiñamos” salientou.

Así mesmo, o voceiro de En Marea sinalou a responsabilidade da Xunta de Galicia na elaboración de protocolos de evacuación que asegurou “non funcionaron” denunciando a falla de coordinación entre os distintos equipos de extinción. Para En Marea tería que se ter prohibido toda actividade lúdica no monte galego ante as previsións que se tiñan e que podían ter dado lugar a unha traxedia moito maior.

A información á poboación, tamén responsabilidade directa do goberno galego, foi outro dos fallos sinalados por Villares na súa comparecencia ante os medios asegurando que “nin a TVG nin a RG non funcionaron onte como servizo público” non ofrecendo unha programación acorde coa situación de emerxencia que estaba a vivir o país e pola que “haberá que pedir responsabilidades”.

O grupo parlamentario de En Marea solicitou no Parlamento de Galicia a suspensión do pleno ordinario de maña e pasado mañá, unha decisión que sería coherente ademais co decreto 3 días de loito anunciado polo presidente da Xunta. Esta petición como explicou o voceiro de En Marea aínda non obtivo o acordo do grupo parlamentario do PP polo que proseguen as xestións. Así mesmo, En Marea púsoxe en contacto co resto de grupos da oposición co obxectivo de lograr unha soa voz que emita unha mensaxe clara á sociedade para pedir explicacións e responsabilidades. O grupo de En Marea xunto co PSdeG e BNG pediron a convocatoria urxente da xunta de voceiros para pedir a alteración da orde do día do pleno de mañá. Despois de que Feijóo anunciase a alteración do mesmo para incluír a comparecencia da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para En Marea o máis adecuado sería anular o pleno ordinario e convocar un pleno extraordinario para a vindeira semana onde poder debater de xeito pausado todo o acontecido. Pleno no que debería ter lugar a comparecencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O voceiro de En Marea rematou a súa comparecencia manifestando o seu apoio “á sociedade civil viva que articula unha resposta coherente e solidaria” anunciando o apoio ás convocatorias de concentración convocadas polo Comité en defensa do monte galego para esta tarde. “Volvemos a ver unha sociedade galega desprotexida fronte á catástrofe, non houbo resposta administrativa nin política. Afunde o estado e emerxe a nación, afunde a Xunta e emerxe á xente” afirmou Villares.

“En Marea está comprometida con ese país que non se resigna a desaparecer e loita con dignidade para evitar que haxa máis lumes e tamén para que destes sucesos se saque unha lección. Servizos públicos ao servizo do ben común” concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

3 − 1 =

X