Luís Villares a Feijóo: “O presidente separatista empéñase en alonxar os pacientes dos hospitais esquecendo que en sanidade a distancia mata”

Estás aquí: Inicio » Luís Villares a Feijóo: “O presidente separatista empéñase en alonxar os pacientes dos hospitais esquecendo que en sanidade a distancia mata”

Luís Villares a Feijóo: “O presidente separatista empéñase en alonxar os pacientes dos hospitais esquecendo que en sanidade a distancia mata”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, dirixiu a pregunta ao presidente durante a sesión de control do Parlamento para criticar duramente a reforma da Lei de Saúde “aprobada nunha ponte festiva” e acusou a Feijóo de ser un “presidente separatista que alonxa aos pacientes dos hospitais e en sanidade a distancia mata”, en referencia á supresión das Áreas Sanitarias.

Villares advertiulle a Feijóo que a cidadanía “non o votou para que a separasen dos servizos que antes tiñan cerca da casa” e lembroulle que o acceso universal á sanidade “ten que estar garantido en igualdade e equidade, pero o presidente separatista empéñase en agrandar as distancias para que a xente chegue tarde”. “Cando deixará de practicar o separatismo sanitario?”, inqueriu.

“A modificación da Lei de Saúde tamén consolida o devalo da Atención Primaria”, explicou Villares, que lembrou que “coa supresión das áreas comarcais xa aumentaron as listas de agarda, desviando pacientes á privada, e agora fano coas Areas Sanitarias”.

O voceiro de En Marea tamén se referiu na súa intervención á negativa a implantar o servizo de Hemodinámica no Hospital Lucus Augusti durante as 24 horas: “Vostede traza unha liña divisoria entre a vida e a morte cun horario de oficina, separa aos que sufren un infarto da posibilidade de sobrevivir, pois como ben sabe o tempo óptimo de atención son 30 minutos, mentres hai pacientes da área de Lugo que tardan unha media de 160 minutos en seren atendidos ao teren que desprazarse á Coruña”

En Marea esixe ademais que se recuperen especialidades que se deixaron de atender en centros comarcais coma o Hospital da Costa (Burela), onde deixaron de practicar determinadas intervencións de uroloxía, otorrinoloxía ou cardioloxía, e pídelle ao presidente da Xunta que escoite a opinión dos especialistas, baseadas en criterios médicos e non económicos.

Luís Villares lembroulle a Feijóo que “aos tribunais tamén lles parece con frecuencia que vostedes non cumpren a lei, e non só en referencia a Soto del Real Corporation, senón tamén en materia sanitaria, pois manteñen nos seus cargos a dúas persoas investigadas por homicidio imprudente ao negarse a subministrar a medicación a persoas enfermas de Hepatite C”.

“No ano 2015 a ministra Ana Mato restrinuxiu a vacina da variola a espaldas dos médicos e centos de galegos tiveron que cruzar a Portugal e gastar máis de 300 euros porque o señor Rodríguez Bispo veu aquí dicir que a vacina contra a gripe B non estaba no seu calendario de vacinacións”, argumentou Villares, antes de lembrarlle a Feijóo que “pasará á historia polo separatismo que fixo entre a cidadanía e os dereitos sanitarios básicos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

thirteen + nineteen =

X