Estás aquí: Inicio » Luís Villares: “Feijóo non opta porque sabe que o seu ciclo político está acabado. Pois se eles non o queren, nós tampouco. Galicia non necesita nin quere un presidente de cartón pedra”
“Non o queren en Madrid. Pois nós tampouco. Narcotráfico, corrupción, recortes, financiamento ilegal… demasiado peso na mochila para Alberto Núñez Feijóo”. Esta foi a conclusión manifestada polo voceiro de En Marea, Luís Villares, ante a decisión anunciada polo presidente da Xunta de non optar á substitución de Mariano Rajoy ao fronte do PP en Madrid. “Feijóo non concorre á carreira sucesoria porque sabe que non o queren, ao final, o pasado de Feijóo acabou co seu futuro. Feijóo tiña máis pasado que futuro. Núñez non era o merlo branco que nos querían vender. En Galicia sabémolo ben” afirmou Villares.
No pasado escuro de Feijóo as súas de amizades co narcotráfico, da que nunca deu contas, da que sempre finxiu non saber nada. “As fotos con Marcial Dorado nun barco tal vez non fosen máis que a punta do iceberg” engadiu.
Feijoo dirixe en Galicia un partido recoñecidamente corrupto, como demostrou o Caso Campeón. Así atopamos un deputado baixo o seu goberno foi condenado por malversación e dous altos cargos do goberno baixo o seu mandato xa foron condenados por prevaricación e malversación. E aínda non rematou a investigación de financiamento ilegal do PP na Operación Pokemon.
Feijoo dirixe un goberno que deixou morrer a 8 enfermos de hepatite C mentres esperaban por un medicamento que existía na farmacia, e polo que hai investigados dous altos cargos do SERGAS. Esta é a cara máis crúa dos recortes de Feijoo, os máis salvaxes aplicados polo PP en todo o Estado.
Pero sobre todo, como sinalou Villares hai unha consideración “incluso no PP ven que unha persoa que dedica todos os seus esforzos a facer carreira para si mesmo, poñéndose a si mesmo por riba dos seus cidadáns, dos seus votantes e mesmo do seu partido, non merece estar á fronte dun partido que ten que aprender unha lección: hai que pensar no interese xeral e non no interese particular”.
“Iso é o que a sentenza Gürtel lle ensina ao PP. E Feijóo representa o peor da Gürtel, un pasado envelenado travestido de futuro” explicou o voceiro de En Marea. Agora ben, como sinalou Villares isto obríganos a unha reflexión: Por que temos que querer os galegos o que o PP non quere?
“Despois de dous anos de desprezo por Galicia, temos que quedar con alguén que non vale para rexenerar o PP e que representa o peor da vella política. Feijóo renunciou a defender Galicia para facer carreira en Madrid, e agora non temos nin financiamento, nin AP 9, nin tren nin Pazo de Meirás. Iso si, temos ENCE para rato. Galicia non é un premio de consolación para os que teñen medo de perder unhas primarias” declarou.
“Feijóo non opta porque sabe que o seu ciclo político está acabado. Pois se eles non o queren, nós tampouco. Galicia non necesita nin quere un presidente de cartón pedra” concluíu.