Estás aquí: Inicio » Lugonovo suma as súas pingas ao mar coa sinatura do acordo de colaboración con En Marea para as eleccións municipais de 2019
A sede da plataforma cidadá Lugonovo, na Ronda da Muralla da capital lucense, acolleu onte á tarde a sinatura do acordo de colaboración para as eleccións municipais de 2019 entre En Marea e o espazo do cambio local, seguindo así o mandato do Plenario de EM, que o pasado mes de marzo aprobou o protocolo ao que xa se adheriron as mareas de Culleredo, Pontevedra, Cambados, Sanxenxo e Ponte Caldelas. A firma pretende dar cobertura ás mareas locais que así o decidan a través da colaboración e a cooperación, co horizonte das eleccións de 2019 nas súas axendas.
Mareas e mareantes de todo o país (Mondoñedo, Arzúa, Sober, Ou Courel, Sanxenxo, Cambados, Pontevedra…) arrouparon a Lugonovo durante a firma que fixeron efectiva a voceira e o concelleiro de Lugonovo, Cristina Pérez e Víctor Álvarez, e a vicevoceira e o voceiro de En Marea, Vitoria Esteban e Luís Villares.
Tralos parabéns das mareas de todo o país, Cristina Pérez explicou que nestes tres anos “traballamos desde a oposición, para levar a política municipal ás persoas, facendo unha cidade máis inclusiva, unha cidade máis verde, achegámonos ao rural e impulsamos unha cultura viva na cidade”. “Estamos tentando levar ao concello o noso novo modelo de cidade desde a oposición, aínda que estamos seguras que o próximo ano, e coa firma do acordo con EM, será desde o goberno local”, precisou Pérez durante o acto, onde ademais describiu este protocolo como un proceso de tender pontes entre mareas locais, e “esa ponte quen a pode construír é En Marea, e por iso estamos hoxe aquí, estreitando lazos de apoio e colaboración porque somos marea!”, concluíu.
Pola súa banda, Vitoria Esteban, vicevoceira de EM e coordinadora de Lugonovo, sinalou que “traballamos arreo para chegar ata aquí; unha construción en común que non foi fácil e supuxo moito esforzo, pero o importante é que seguimos loitando xuntas polo cambio en Galicia, por un espazo horizontal de adscripción individual e onde o máis importante son as persoas”, dixo Esteban antes de precisar que “para EM todas as mareas locais son iguais: as grandes, as pequenas, as que gobernan, as que fan oposición ou as que aínda non teñen representación nas institucións porque xuntas sumamos e loitamos por un espazo de confluencia onde as persoas son o verdadeiro eixo e a forza que nos van a levar aos concellos e ás deputacións en 2019, impulsados polo acordo que hoxe facemos efectivo”, sentenciou.
O último en tomar a palabra foi Luís Villares, voceiro do espazo do cambio, que volveu insistir nos valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade, “unhas ideas que son as que nos trouxeron ata aquí”, e replicou a Cristina Pérez asegurando que “non somos oposición, porque o que nós facemos é proposición creando un estado de opinión, e todas estas ideas xunto á firma deste acordo coas mareas locais levarán a república do mar aos concellos e deputacións no 2019”, indicou Villares antes de de asinar o protocolo.
Un acordo que supón unha pausa ata o inicio do curso político, o 17 de agosto, cando EM e as mareas de todo o país, que así o decidan, desexen concorrer ás eleccións municipais baixo o paraugas de EM, retomarán a sinatura do protocolo aprobado no mes de marzo polo Plenario do espazo do cambio.