Estás aquí: Inicio » Financiamento autonómico, infraestruturas ferroviarias e transferencia da AP9 son as prioridades que En Marea marca ao novo goberno do Estado para Galicia
O voceiro de En Marea, Luís Villares, fixo unha primeira valoración do novo goberno do Estado do presidente Pedro Sánchez salientando a necesidade de non esquecer o compromiso que lle propiciaron o cambio de goberno. Nesta liña sinalou cinco cuestións fundamentais como é acabar co amordazamento dos dereitos civís, a loita contra a corrupción e traballo pola rexeneración, a recuperación de dereitos sociais brutalmente recortados estes anos e, finalmente, acabar coa recentralización e a negación do Estado plurinacional. “O fundamental do novo goberno non é o seu pasado senón o seu futuro” afirmou.
Con esta apreciación e destacando que o que interesa realmente a En Marea non é tanto a composición do novo goberno senón as políticas que impulsarán, o voceiro saudou positivamente a presencia maioritaria de mulleres nos distintos ministerios, “un xesto que ten que ser un compromiso real coa igualdade” e impulsar políticas públicas de igualdade de carácter transversal, un compromiso que o goberno do PP non tivo.
“Albiscamos no perfil económico elixido máis preocupación pola ortodoxia marcada pola UE que en lanzar políticas económicas que apoie ás políticas sociais, europeísmo social baseado nos dereitos e na Europa dos pobos” advertiu Villares.
No referente ao peso político de Galicia no novo goberno do Estado, o voceiro de En Marea lembrou que a simple presenza de persoas galegas non é garante da defensa dos intereses do noso pais pero apreciou que si existe “máis peso do arco Mediterráneo que Atlántico que esperamos non prexudique a o noso país”.
Por último, Villares fixo referencia ao tratamento de Galicia como nación por parte do goberno de Pedro Sánchez o que se ten que traducir na recuperación de competencias que foron usurpadas polo Goberno do PP e o avance competencial. Nesta liña marcou como horizonte temporal finais deste ano para demostrar que é un goberno de compromisos e non so de xestos. Para isto, o voceiro de En Marea marcou tres tarefas inescusables.
Estes serán os compromisos concretos que En Marea que demandará do novo goberno do Estado a maiores doutra serie de medidas como pode ser a derrogación da Lei Montoro que esmaga capacidade dos concellos para facer política social ou a recuperación para o público da fachada litoral da Coruña entre outros.