Estás aquí: Inicio » Eva Solla acusa á Xunta de someter a “escravismo” ao persoal dos Puntos de Atención Continuada
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, reclamou un plan de mellora da Atención Primaria, dotándoa de persoal, equipamento e acceso aos recursos orzamentarios necesarios para garantir políticas de promoción e prevención da saúde, así como unha asistencia de calidade, recuperando as xerencias de Atención Primaria para unha mellora da capacidade decisoria e de xestión. Na súa intervención Eva Solla preguntoulle ao Goberno galego “canto vale a vida dunha persoa para a Xunta de Galicia que despois do fatídico día na Estrada en verán sigan sen facer absolutamente nada para acabar con este problema tan grave como é a falla de persoal nos PAC galegos”.
“Na Consellería de Sanidade ou son un necios ou son uns temerarios xa que non son quen de cubrir os servizos mínimos, como en Moaña, e para o Goberno galego non pasa nada ata que volva a acontecer unha desgracia” denunciou Eva Solla.
A deputada de En Marea lamentou tamén o xeito de proceder da Xunta de Galicia que en lugar de falar co persoal e escoitar as súas propostas, a Xunta opta por non cumprir a Lei nin en materia de descanso do persoal pero tampouco no dereito á folga. “Someten ao persoal a extenuación física e mental. Non hai dereito nin para os profesionais e usuarias. Aceptase o escravismo na sanidade pública” afirmou Eva Solla.
“Porque non escoitan aos profesionais e as súas propostas. Onde está o dereito ao descanso, onde está o dereito a conciliar, onde está o dereito a folga? Non sirve con dicir que son bos profesionais, hai que cumprir con eles. Débenlles as noites e festivos, non hai persoal, obrigan a facer horas, non hai planificación desde hai anos. Estamos ante un maltrato aos profesionais públicos” engadiu.
A deputada de En Marea rematou a súa intervención subliñando que os recortes derivan nun empeoramento de todos o sistema sanitario público e reclamando este plan de atención primaria así como dotar aos PAC de equipos completos, e persoal suficiente en función de obxectivos baseados na carga asistencial, dispersión, distribución e distancia ao hospital, cumprimento das directivas europeas en materia de tempos de traballo, mudar o actual cómputo horario de persoal de xeito que non se contabilicen as incapacidades temporais e permisos retribuídos como tempo non traballado, e elaborar un plan de continxencias que permita manter persoal dispoñible en todo momento para poder cubrir as ausencias.