Estás aquí: Inicio » Eva Solla: “A súa comparecencia non é máis que un lavado de cara para evitar falar dos recortes e as privatizacións dos últimos nove anos e a consecuente perda de dereitos laborais e no acceso á saúde”
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, criticou a comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que asegurou foi ao Parlamento a presentar un acordo que non respecta aos traballadores eventuais e obriga ás centrais sindicais a “elixir entre as migallas e a nada”. Unha situación a que se chegou despois dos anos de roubo de dereitos e que agora pese a suposta recuperación económica, no caso dos interinos, a recuperación de dereitos é de carácter parcial como denunciou a deputada de En Marea.
Eva Solla denunciou tamén o descenso de profesionais de carácter fixo, con praza en propiedade. O Consello de Contas indica que os índices de temporalidade continúan a ser altos e medran cada ano. Un 37,6 por cento no último exercicio analizado a atención especializada. Alértase tamén da diminución de 689 efectivos de persoal propietario e polo tanto unha grande parte dos profesionais non vai poder acceder a eses dereitos. “Estaría ben que lle trasladara por que non se recoñece o seu traballo a pesar de levar moitos anos traballando no sistema público de saúde” pediu Eva Solla ao Conselleiro.
Tamén ten moito que ver como sinalou a deputada de En Marea, coas taxas de reposición que durante moitos anos diminuíron o número de profesionais na sanidade pública. Neste sentido dubidou dos datos ofrecidos na comparecencia do Conselleiro xa que non coinciden con ningún dato público que exista. “De onde sae o cálculo de profesionais no sistema público que emprega? Contan os contratos eventuais, ou simplemente as incorporacións sen ter en conta as xubilacións?” preguntou Solla.
“Durante moitos anos invitaron, obrigaron a se xubilar forzosamente moitos profesionais médicos, e agora botamos as mans á cabeza pola ausencia de profesionais, sobre todo en pediatría” declarou. Unha continua perda de profesionais con efecto especialmente demoledor nas zonas rurais. “Non existe ningún tipo de atención á planificación da saúde” asegurou Eva Solla.
Non existe tampouco partida orzamentaria e nin sequera están pagadas toda as extras dos últimos anos. “Como se sufragarán as melloras relacionadas coa carreira profesional, cando seguen sen abonar as nocturnidades? Descoñecemos que partidas van empregar” engadiu.
A deputada de En Marea puxo incidiu na necesidade de formación de calidade e acusou a Xunta de “desprezar totalmente aos profesionais” lembrando sentenzas como a condena á Consellería de Sanidade polo maltrato aos residentes na provincia de Ourense.
“A súa comparecencia non é máis que un lavado de cara para evitar falar dos recortes e as privatizacións dos últimos nove anos e a consecuente perda de dereitos laborais e no acceso á saúde” concluíu Eva Solla.
EN MAREA ESIXE QUE SE PLANIFIQUE A MEDIO E LONGO PRAZO
Na sesión plenaria, Eva Solla defendeu a moción do seu grupo relativa ao peche de camas que se repite ano tras ano no Sergas sen unha xustificación real e lóxica como denunciou a deputada de En Marea polo que pediu criterios concretos.
Eva Solla denunciou tamén a falla de transparencia da Consellería de Sanidade que continúa sen ofrecer os datos relativos ás lista de agarda non estruturais solicitadas hai máis de dous anos e que aínda non foron trasladados pese a existir un máximo legal dun mes para dar resposta ás preguntas aos grupos parlamentarios. “As listas de agarda que se publican son falsas, non son a realidade” asegurou Eva Solla. O mesmo acontece coa cobertura dos permisos de baixas e vacacións e o incremento da carga de traballo forzosa imposta por parte do Goberno galego.
Eva Solla asegurou que é imprescindible que se planifique a medio e longo prazo, cun plan que se adecúe a realidade ao tempo que se amortizan as prazas recortadas nos últimos anos. “Non hai ningún tipo de plan, máis de 1.000 profesionais menos na atención primaria” subliñou.
En relación as camas pechadas a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea pediu explicacións tamén polo xa que a pesar de que nos meses de xuño e agosto houbo avisos de saturación dos servizos de urxencia non se abriron as camas pechadas.