Estás aquí: Inicio » Esixiremos un acordo que garanta o futuro da comarca porque ALCOA NON SE PECHA!!
Pancho Casal covoceiro de En Marea, asegura que “a factoría de Alcoa non se pecha porque necesitamos o aluminio que produce”, pois a produción de aluminio primario é estratéxica para moitas industrias da Unión Europea e tamén de Galicia. Sectores como o do automóbil, aeronáutica, extrusión e moitos outros dependen do aluminio primario de alta calidade, por iso, para Pancho Casal, “non podemos cometer o erro, tamén nesta industria, de depender de provedores alleos á Unión Europea”.
Alcoa e toda a industria do aluminio atópanse nunha situación conxuntural moi complicada debido ao moi baixo prezo do aluminio nos mercados internacionais, ao gran stock introducido no mercado por fondos especulativos que tensionan o prezo cara abaixo, á baixada do consumo pola parada, debida ao COVID-19, de industrias como o automóbil, a aeronáutica…. e a non dar solución suficiente o Estado español ao prezo da enerxía eléctrica.
Ante esta situación, dende En Marea propoñemos, en primeiro lugar, que o Estado, co apoio da Unión Europea, garanta a supervivencia da produción de aluminio primario en España e Europa, o que se concretaría nunha entrada temporal do Estado español no capital de Alcoa San Cibrao, en porcentaxe suficiente que garantira o futuro da planta ata que se supere esta situación conxuntural. O aluminio é imprescindible e estratéxico para moitas industrias de futuro, para substituír inda máis aos plásticos e outros metais máis pesados, polo que o Estado no momento oportuno podería recuperar a inversión. A entrada do Estado no capital e a rebaixa do prezo debe servir para garantir desde o principio un funcionamento ambientalmente transparente e responsable.
Tamén propoñemos que a Unión Europea, de xeito urxente, grave arancelariamente o aluminio alleo que fai dumping medioambiental, dificultando a súa entrada especulativa no mercado europeo.
Esiximos ao Goberno do PSOE e Podemos que cumpra dunha vez o seu compromiso e aprobe o Estatuto das Electrointensivas tendo en conta as alegacións da representación dos traballadores, que coinciden coas realizadas, fai xa un ano, por En Marea.
Ao Goberno da Xunta, esixímoslle que exerza as súas competencias en política industrial e faga propostas na liña de colaborar co Estado nas medidas a tomar e axudando a Alcoa a optimizar a súa produción en San Cibrao. A Xunta, asegura Pancho Casal, non pode seguir de perfil, como fai sempre que hai un problema complexo.
Para nós, a medio prazo débese elaborar un plan de desenvolvemento en Galicia de enerxías renovables concesionadas para o fomento de contratos bilaterais a longo prazo coas industrias electrointensivas.