Estás aquí: Inicio » Esiximos que a Xunta, o Estado e o Principado de Asturias tomen a propiedade do capital da antiga Alcoa de maneira transitoria para evitar o seu peche
En Marea acompañou hoxe aos traballadores de Alu Ibérica nas súas reivindicacións na Praza de María Pita da Coruña. O covoceiro da formación, Pancho Casal, afirmou que “algo cheira moi mal na venda da antiga Alcoa ao Grupo Riesgo”. Para Casal, “parece que Parter tomou o pelo ao Ministerio e a Consellería de Industria” pois non entende como “unha empresa con 70.000 € de capital, 11 empregados e uns resultados de 188.000 € pode comprar Alcoa”.
O tamén membro da candidatura da Marea Galeguista ás vindeiras eleccións autonómicas denunciou “a sospeitosa e completamente falta de transparencia” venda de Alu Ibérica Coruña e Avilés ao Grupo Riesgo, cuxo administrador único, Diego Peris Sirvent, “é á súa vez administrador de moitas outras empresas”; que “o Grupo Riesgo declara ter apenas 70.000€ de capital e 11 traballadores” e que ante todo isto, o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia “non fixeron ou non se enteraron nada”.
Xa que logo, En Marea manifestamos o noso apoio á petición dos comités de empresa de convocar a mesa de seguimento da venda das plantas e tomar as seguintes medidas:
En primeiro lugar, esiximos que o Ministerio e as Consellerías de Industría de Galicia e Asturias “soliciten o documento de venda das factorías, as súas condicións e como se financiará”. “É difícil de crer que un Grupo con este capital poida asumir a compra dunhas industrias deste volumen”, sinalou Pancho Casal.
En segundo lugar pedimos que se solicite tamén, ao Grupo Riesgo, “o Plan industrial e de negocio que pensa aplicar en Alu Ibérica”. “Afirman que van investir 250 M€ en 5 anos pero, como unha empresa desta dimensión tan reducida pode facer estas inversións?”, preguntouse Casal.
En terceiro lugar, “e como xa están a facer moitos gobernos europeos” propoñemos “prohibir a venda a terceiros alleos á Unión Europea de industrias estratéxicas como é a do aluminio”, pois isto“ impediría que o Grupo Riesgo sexa unha mera ponte a outra venda de risco”.
Así mesmo, esiximos prohibir tamén “o endebedamento de Alu Ibérica non destinado de maneira constatable a melloras productivas” así como “o endebedamento da empresa para que o Grupo Riesgo poida financiar a propia compra”.
Por último, “no caso de que fora constatada a compra especulativa que levaría ao desmantelamento das factorías”, insistimos na nosa reclamación de que “o Estado, a Xunta de Galicia e o Principado de Asturias tomen a propiedade do capital de maneira transitoria”.