Estás aquí: Inicio » En Marea votará en contra dos orzamentos do Estado porque non contribúen ao desenvolvemento de Galicia
Santiago, 19 de xaneiro de 2019.- En Marea non votará a favor da actual redacción dos orzamentos xerais do Estado para 2019 porque, segundo explicaron o seu voceiro Luís Villares e a deputada no Congreso, Alexandra Fernández, “representa un modelo como o que utilizou o PP e non cumpre nin as necesidades nin as expectativas para Galicia”. O Consello das Mareas se reuniu en Compostela para argumentar a negativa a estes orzamentos que será “firme e contundente mentres os números non atendan as necesidades que ten o país”. Será En Marea quen negocie bilateralmente co goberno do Estado o seu apoio aos orzamentos e quen reclama para Galicia uns orzamentos que cumpran coas necesidades das galegas e que, ademais de atender as necesidades sociais, revertan unha situación económica que debe contar con inversións estatais.
Trala reunión do Consello das Mareas e o grupo parlamentario do Congreso, Alexandra Fernández sinalou que houbo un recoñecemento “conxunto e unánime de que estes orzamentos pésimos para Galicia”, significan “mazazo para o páis” e que serán contestados “cun non rotundo” por dúas razóns claras: “a perda de peso de Galicia no conxunto de Estado e, alén das cifras, a falta de modelo de futuro para o país”. O que se visibiliza nestes orzamentos é que son unha continuidade “do modelo do Partido Popular de maneira que cando remate a alta velocidade non hai outro proxecto de país que a turistificación”. Fernández asegurou que non se “apostaba nestes orzamentos polos sectores produtivos nin pola vertebración interna do país”. A deputada emprezou ao goberno a que escoite a En Marea “nunha negociación coas forzas de esquerdas do país, deixar de axitar o medo a un goberno reaccionario”. “A ficha que ten que mover o goberno é a de negociar con aquelas forzas que lle demos o apoio na moción de censura”. Fernández sinalou que esa negociación ten que servir para consolidar a maioría alternativa á dereita mediante o acordo”.
A estratexia de negociación co goberno central
A dirección de En Marea fixou no Consello das Mareas cal é a posición para a negociación dos orzamentos do Estado co goberno central. O voceiro de En Marea, Luís Villares fixou catro puntos fundamentais nesa negociación ademais de reiterar a negativa a apoiar os orzamentos coa proposta actual. O voceiro de En Marea recordou que existe xa un documento político, a Axenda Galega do Cambio, que será utilizado como referencia para establecer as liñas vermellas que non se poderán cruzar para aprobar os orzamentos. Villares avanzou que coa actual proposta “hai un descenso de aproximadamente o 20% respecto a exercicios anteriores, mentres que na media do Estado subiron un 18%”. A conclusión para o voceiro de En Marea “existe un diferencia de 38 puntos entre Galicia e o resto do Estado que é inaceptable”. Villares apuntou que o goberno de Pedro Sánchez “ten que apuntar este dato e tomalo como referencia para saber por onde van ir as negociacións con En Marea”.
Segundo relatou Villares, “os orzamentos para este ano teñen que ter unha dobre dimensión, por unha banda teñen que ter o carácter social necesario e ao tempo teñen que ter o carácter inversor nas infraestructuras para o desenvolvemento endóxeno das nosas potencialidades”. Sinalou que un orzamento ten que servir para crear “oportunidades reais para potenciar o noso coñecemento e que medre o PIB”. “Isto agora mesmo non se produce nestes orzamentos”, sentenzou o voceiro.
Outros dos puntos imprescindibles para En Marea, é que a organización debe desenvolver “unha negociación directa co goberno central”. Para Villares “só nunha negociación directa poderemos facer entender cales son as necesidades do país”. Neste sentido, o voceiro apuntou que non se estaba falando só “de cifras arribas e cifras abaixo, estamos falando dun modelo de Estado”. Villares apuntou que o procedemento do PP e do PSOE no goberno central concibía un estado con “dúas áreas que xeran riqueza e o resto dos territorios que son subsidiadas e que eles mesmo denominan a “España vacçia” e que se converte na perceptora do excedente de riqueza das outras dúas áreas”. En Marea renega deste modelo, tal como afirmou Villares, “queremos un modelo diferente, onde se crea nas potencialidades do propio país, onde se crea no desenvolvemento de Galicia e isto é algo que ata agora nin o goberno do PP nin o do PSOE quixo entender”.
Villares tamén sinalou que a negoción dos orzamentos con En Marea ten que cristalizar nun acordo co goberno central que terá que ter dúas características, “fixar as liñas vermellas para as emendas parciais e marcar antes cal será as liñas no debate de totalidade”. O voceiro apuntou, xunto con Alexandra Fernández, que “non se pode dar un cheque en branco á hora da emenda da totalidade para que nas emendas parciais non se cumpra nada do prometido”. Matizou Villares que o acordo deberá ser previo ao debate para a totalidade e debe fixar xa partidas concretas.
Luís Villares sinalou que será a “dirección de En Marea a que fixe a posición definitiva de voto a estes orzamentos tanto no debate á totalidade como nas emendas parciais”. O voceiro engadiu que hoxe a decisión é clara e contundente: “Non aos orzamentos xerais do Estado para 2019 porque non permiten o desenvolvimento de Galicia”. Adiantou que a posición final será adoptada pola dirección de En Marea unha vez que remate o proceso de negociación co goberno do central e desde a formación política se abriría unha canle de diálogo co goberno de Pedro Sánchez.