Estás aquí: Inicio » En Marea volve reclamar a recuperación para o público da AP-9
En Marea volve reclamar a recuperación para a xestión pública da AP-9. Unha operación que a formación leva tempo poñendo sobre a mesa, e cuxa viabilidade económica ven de corroborar o prezo de venda do 55,6% de Itinere a Globalvia. Moi lonxe das estimacións económicas nas que o goberno do Partido Popular se viña amparando para rexeitar a proposta (o executivo falaba dun custe de máis de 4.500 euros), a recente venda dá a razón a En Marea. E demostra que, tal e como ven dicindo a formación, os 1.200 millóns que a Xunta investirá na construcción da A-57 en paralelo á actual autoestrada permitirían acometer a recuperación da AP-9.
Logo da recente venda de algo máis da metade da firma propietaria da AP-9, En Marea volve instar ao goberno central do PSOE a que cumpra con Galiza e acometa canto antes o traspaso da autoestrada e a súa nacionalización. Unha operación que á vista dos recentes datos, tería un custe moi inferior ao estimado polo executivo.
En Marea lamenta que, mentres as demais autoestradas da primeira xeración están a volver ao sector plúblico, se o goberno non toma cartas no asunto a AP-9 non o fará ata 2048. Algo que supón unha discriminación inaceptable das galegas e galegos.
En Marea entende que o prezo da operación impulsada por Globalvia (723 millóns por pouco máis da metade de toda Itinere, que non xestiona únicamente a AP-9, senón numerosas vías en todo o estado) ven destapar as mentiras e excusas que ata o de agora o Partido Popular empregou para rexeitar a recuperación da autoestrada galega.
A formación lamenta que o principal vial que comunica o Eixo Atlántico galego de norte a sur sexa utilizado polos fondos especulativos para obter enormes cantidades de beneficios a costa dos petos da cidadanía. E anima aos executivos central e autonómico a facer os deberes, tomar boa nota do acontecido e poñer os medios precisos para que a AP-9 poida pasar a ser pronto de titularidade pública.
En Marea insiste na necesidade de recuperar a AP-9 e póla ao servizo dos galegos e das galegas e do desenvolvemento social e económico de Galicia, desvinculándoa definitivamente das mans de especuladores. A formación lembra que o ministro De la Serna chegou a estimar a recuperación da autoestrada en 8.000 millóns de euros. Unhas afirmacións que, á vista dos datos da recente operación de venda, a formación interpreta como unha clara estratexia de colaboración do goberno cunha concesionaria que acumula expedientes e incumprimentos e que ven aplicando unha política de reducción do seu gasto e persoal.
En Marea entende que a concesión da AP-9 representa moi ben o neoliberalismo de amiguetes que tan ben caracteriza a xestión do Partido Popular, coñecido polo seu uso das institucións para o beneficio particular.
A formación bota a vista atrás para lembrar que na época do Goberno de Aznar a autoestrada foi privatizada a prezo de amigo, seguindo a máxima de socialización das perdas e privatización dos beneficios. Acto seguido o executivo central blindou a concesión ata o máximo legal, facendo así que a da AP-9 se convirta na concesión do estado que rematará máis tarde; e afondando nunha inxusta e discriminatoria privatización dos beneficios.
En Marea tamén lembra a bonificación do 95% do IBI de que goza Audasa en todos os Concellos polos que transcorre, a pesar dos seus enormes beneficios. Así como a política tarifaria abusiva que aplica, e que se viu incrementada cos últimos acordos de ampliación, consolidando esta estafa social.