Estás aquí: Inicio » En Marea valora moi necesario facer unha reflexión sobre o “inxusto” réxime de financiamento local e lanza unhas xornadas para promover solucións “á falta de equidade” do sistema
Ana Seijas, Luís Villares e Manuel Barbeitos
“Temos un problema nos concellos do noso país pola falta de financiamento para poder realizar as políticas públicas coas que nos comprometimos socialmente. Temos un sistema de financiamento inxusto que non contempla as necesidades de Galicia, que non contempla o asentamento territorial da poboación e que non ten en conta as características da nosa poboación”, asegurou o voceiro de En Marea Luís Villares durante a presentación da xornada ‘Financiamento local: desafíos para os novos gobernos municipais’, que organiza o espazo do cambio mañá sábado 23 de febreiro no compostelán Colexio Maior Fonseca.
Villares explicou que os ingresos fiscais en Galicia nos concellos representan só o 70% da media estatal, é dicir acadan uns 448 euros, trinta puntos por debaixo da media, cando a media de ingresos fiscais por habitante é de 157 euros por enriba dos 448 euros. E que, no ingreso medio por habitante en Galicia hai un diferencial de 226 euros fronte a media española.
“A consecuencia de todo isto é unha considerable falta de equidade e que para os concellos das mareas do cambio, ou de calquera forza política que teña a responsabilidade de gobernar, non teña recursos suficientes para atender as competencias que ten asignadas”, lamentou o voceiro de EM que tamén aclarou que as causas deste infrafinanciamento local e da falta de equidade residen en que a forma de asentamento da poboación galega nos concellos non se contempla dentro do sistema de participación nos ingresos do estado. “Non recolle ningunha fórmula específica que teña en conta a dispersión poboacional nin outras variables que son consustanciais a nosa pirámide poboacional neste momento”, incidiu.
“Esto métenos nun círculo vicioso do que non podemos sair. Por iso en EM valoramos moi necesario facer unha reflexión sobre o réxime de finaciamento local e lanzamos unhas xornadas para promover propostas de solución a este sistema. Unhas propostas de solución que deberán ser multinivel, pero que principalmente buscarán a modificación do sistema de financiamento a nivel estatal, e unha maior implicación na administración galega”, insistiu Villares. E sobre esta forma concreta de articular estas solucións será sobre o que En Marea reflexionará mañá na xornada. “É algo do que levamos falando varias semanas e do que seguiremos falando ata acadar unha solución que será a que despois constitúa o posicionamento político de EM sobre finaciamento local”, concluiu.
Pola súa banda, a vicevoceira do espazo do cambio, Ana Seijas, deixou claro que para EM o financiamento local é unha cuestión central “que temos que atender como non podía ser doutro xeito na nosa alternativa de país”. Tamén explicou que EM leva semanas traballando para construír cooperativamente, logo dunha reflexión conxunta de todo o espazo político “en mostrar a nosa alternativa para que os gobernos locais poidan ter ese financiamento axeitado e desbloquear esa parálise que sofren actualmente”, sentenciou.