Estás aquí: Inicio » En Marea urxe á Xunta a aportar solucións que garantan a asistencia sanitaria da poboación dependente de Povisa
En Marea insta á Xunta de Galicia a actuar e aportar, coa máxima urxencia, solucións que garantan a asistencia sanitaria á poboación de Vigo dependente de Povisa; así como os dereitos laborais da plantilla dese hospital. A deputada Eva Solla denuncia a parálise do goberno galego, que cando restan apenas uns días para que o centro hospitalario entre en fase de acreedores segue optando pola máis absoluta inacción, condenando a un futuro incerto a traballadores e pacientes.
“Dende En Marea queremos denunciar a parálise da Xunta de Galicia e da empresa Povisa ante unha situación que pon en risco máis dun milleiro de postos de traballo, así como a asistencia sanitaria de boa parte da poboación de Vigo. Hai case tres meses Povisa, sen ter depositado as súas contas no Rexistro Mercantil, solicitou un concurso de acreedores aducindo dificultades para poder facer fronte aos seus pagos. Iniciouse entón un diálogo entre a empresa e o goberno galego”, lembra Eva Solla, que denuncia que esas negociacións se puxeran en marcha con total descoñecemento da situación económica real da empresa.
Tras ter reclamado no Rexistro Mercantil as contas de Povisa, En Marea ten podido corroborar que, contrariamente ao que argumentaba a dirección, estas non evidencian problemas de liquidez a curto prazo. Motivo polo cal a formación insta á Xunta de Galicia a non ceder ás inadmisibles chantaxes dos dirixentes de Povisa, que de ningún xeito afrontan dificultades para abonar os salarios da súa plantilla.
“Queremos denunciar a chantaxe perpetua da empresa, empregando aos seus traballadores como moeda de cambio para obter máis recursos públicos sen importarlle nin as condicións laborais nin a asistencia das 137.000 persoas que dependen deste hospital privado”, indica Eva Solla, que esixe a urxente implicación da Xunta de Galicia. “Dende o primeiro minuto En Marea opúxose a que a empresa seguise sangrando cartos públicos, pero entendemos que é necesario manter eses postos de traballo. Sen embargo, nin nun sentido nin no outro a Xunta parece ter ningún tipo de proposta para solventar a situación”, explica a deputada, que amosa a súa preocupación ao respecto e solicita “que se garanta a asistencia sanitaria desa importante parte da poboación, dende a sanidade pública”.
Así as cousas, e en vista da falta de iniciativa do goberno galego, En Marea volverá levar ao Parlamento de Galicia a situación do hospital vigués. Un centro que, tal e como lembra Eva Solla, tense beneficiado no pasado de inxentes cantidades de fondos públicos e beneficios contractuais, sen que en ningún momento estes repercutisen en melloras para a súa plantilla, que leva co convenio conxelado e sufrindo recortes de xornada dende 2010. “A Xunta debe actuar, pois a xente non pode quedar desprovista de atención sanitaria, e a administración non pode seguir mirando para outro lado cando o problema está a piques de estoupar”, concluye a deputada de En Marea.