Estás aquí: Inicio » En Marea traslada á Fiscalía os informes das auditorias do censo para que determine se se vulnerou a Lei de Protección de Datos
Gonzalo Rodríguez, responsable legal de En Marea ante a Axencia Española de Protección de Datos, compareceu esta mañá para aclarar algúns aspectos sobre o adiamento das eleccións internas do espazo, sobre as actuacións postas en marcha estes días así como sobre os criterios para interpretar estas actuacións; e anunciou que os informes das auditorias serán postos en coñecemento da Fiscalía para que determine se se produciu unha vulneración da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD).
Rodríguez explicou que o día 24 de novembro o Comité Electoral solicitou o acceso ilimitado ao ficheiro do censo de EM, respondendo, segundo alegaron, ao regulamento do Plenario. “Un ficheiro onde non só están os datos das persoas inscritas con dereito a voto nestas eleccións, senón tamén as que non o teñen, pero que si teñen o seu dereito á privacidade”, indicou o tamén responsable financieiro do espazo que negou a existencia dese mandato do Plenario e que, “se existira, sería contrario á LOPD”.
Ese acceso ilimitado ao censo que solicitaron, precisou, “non está autorizado nin no regulamento do Plenario nin tampouco pola LOPD. O que si está regulamentado é o dereito de observancia e vixiancia, e que en ningún momento negóuselle ao Comité Electoral. Gonzalo Rodríguez relatou que ese mesmo día, aínda estando o responsable legal do censo para garantir ese acceso de modo seguro e segundo a LOPD, os membros do Comité Electoral “estaban tentando obter do responsable técnico os datos para acceder de modo non autorizado”.
Rodríguez incidiu en que o acordo de confidencialidade ao que obriga a LOPD di na súa primeira cláusula que “o responsable do tratamento dos datos é o único competente para establecer políticas, normas, regras e procedementos para o tratamento da información, debendo o colaborador ou colaboradora atender aos mesmos de forma estrita”.
Por todo isto, sinalou Rodríguez, que “non respectaron o regulamento, non respectaron a LOPD e non respectaron o mandato para a preservación dos datos deste responsable do ficheiro. E isto resúmese nunha actuación que é ética, política e mesmo legalmente inaceptable. Uns feitos, que dado que poden vulnerar a propia LOPD serán postos en coñecemento da Fiscalía, do mesmo xeito que o fixo hai uns días Podemos en Leganés”.
Por último, Gonzalo Rodríguez, avanzou que o antes posible coas máximas garantías, e en canto verifiquen a instauración das medidas adicionais de seguridade, se procederá á votación con total normalidade e “co desexo de rematar canto antes este proceso e adicarnos ás eleccións municipais, a pensar os programas, a pensar as políticas, a escoitar á xente, e trasladar esas ideas á acción política”, concluiu.