Estás aquí: Inicio » En Marea traballará para condonar a débeda da autoridade portuaria e potenciar o desenvolvemento socioeconómico da Coruña
A formación pon o foco na necesidade de conseguir financiamento estatal suficiente para a conexión ferroviaria do porto exterior e para a rexeneración da Ría do Burgo
En Marea presentou este luns ás súas candidatas pola Coruña para as próximas eleccións do 28 de abril. Luís Villares arroupou a presentación dunha candidatura que traballará para levar a voz das galegas e galegos e as súas necesidades ás institucións do estado. E que marca como obxectivo irrenunciable a consecución duns orzamentos xerais que garantan o desenvolvemento socioeconómico do conxunto de Galicia e da Coruña. “A de En Marea é a candidatura que garantirá que nunca máis A Coruña, a súa área metropolitana nin a provincia serán esquecidas nas políticas de desenvolvemento socioeconómico do estado”, asegura o voceiro; que dende este momento reivindica a condonación da débeda do porto coruñés como un dos obxectivos irrenunciables da formación.
“Non pode haber orzamentos sociais se non se contempla un modelo de desenvolvemento socioeconómico para Galicia. Non queremos ser un país subsidiado. Obviamente as pensións deben ser melloradas. Pero entendemos que iso non é suficiente. Precisamos xerar renda, riqueza e oportunidades laborais en Galicia. Por iso levaremos ao Congreso un modelo de cidade diferente, na liña que xa leva avanzada a Marea Atlántica nos últimos anos”. Son palabras do voceiro de En Marea, que asegura que esta formación de ninguna maneira renunciará tras o 28 de abril á condonación da débeda do porto da Coruña.
“Queremos contribuír eficazmente á gobernabilidade do estado e ampliar dereitos para todas. Sumar para todas, pero sin restar para nós. Por iso é básico incidir no desenvolvemento socioeconómico de Galicia en xeral, e da Coruña en concreto”, indica Luís Villares, que pon o foco na necesidade de que a conexión ferroviaria do porto exterior coruñés e a súa inclusión no Corredor Atlántico de Mercadorías sexan unha realidade. Trátase de medidas imprescindibles “para poder captar investimentos e promocionar o asentamento industrial. E, en definitiva, para xerar oportunidades laborais” na área metropolitana coruñesa.
En Marea tampouco renunciará a conseguir unha solución de futuro para a regulación do sector eléctrico. Unha medida básica tamén en clave de desenvolvemento industrial e defensa dos postos de traballo. O voceiro, Luís Villares, lembrou a situación de Alcoa ou Isowat, e puxo énfase en asegurar que a súa formación non renunciará a conseguir unha solución que garanta que empresas electrointensivas coma estas non teñan que pechar pola falta de prezos competitivos. “Pero a regulación do sector eléctrico tamén ten que incidir na factura que pagan as familias cada mes”, indicou o voceiro, que lembrou os recibos abusivos que os pequenos consumidores deben asumir cada mes para que as empresas se lucren.
Defensa do medio ambiente e do tecido industrial galego
En materia medioambiental, En Marea pon o foco na necesidade de apostar por unha transición ecolóxica xusta. “Esa será para nós unha prioridade”, indica Villares, que destaca a importancia dunha cuestión fundamental para “que as comarcas coruñesas non teñan que seguir padecendo o custo da emigración e conten con novas alternativas que fixen poboación. Por iso a rexeneración da Ría do Burgo será para nós outra condición indispensable”.
“As direitas non suman, e neste momento estámonos xogando a composición dunha maioría social nas institucións do estado que non permita o mantemento de medidas restritivas como a Lei Mordaza ou as reformas laborais, e que teña en conta o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Non podemos permitir que o PSOE, apoiado por Podemos, volva esquecerse de Galicia”, reivindica Villares. Que non pasa por alto “o maltrato ao que nos someteron ao non condonar a débeda do porto da Coruña, reducir os investimentos reais de Galicia nun 40% e deixando sen construir a conexión do porto exterior coa liña de ferrocarril. Iso é algo que non podemos permitir”.
A candidata ao Congreso, Ana Seijas, puxo o foco na importancia de levar a voz da cidadanía ás institucións do Estado. Seijas falou do municipalismo, “cuxa importancia non remata na cidade, porque moitas cousas das que acontecen nas nosas vilas e cidades dependen de decisións que se toman no Estado. E é alí onde a nosa voz ten que estar presente, para construír cidades abertas, inclusivas e para as maiorías. Fronte á especulación, defensa do público”, inocuo a número un das listas coruñesas para o Congreso, que comprometeu unha “defensa incansable da fachada litoral da Coruña no estado. Non podemos permitir que os espazos que deben ser de lecer, deportivos ou para a infancia se destinen á privatización e caian en mans da especulación”.
Ana Seijas tamén lembrou a necesidade de conseguir investimentos que permitan o desenvolvemento da área metropolitana coruñesa. Entre as tarefas pendentes, a candidata ao Congreso incidiu na intermodal “pola que a xente da Coruña leva máis de dez anos agardando” e que resulta impescindible para favorecer a mobilidade. En materia ferroviaria, a candidata de En Marea tamén puxo o foco na necesidade de impulsar a conexión entre A Coruña e Ferrol. Así como na de traballar pola defensa medioambiental conseguir a rexeneración da Ría do Burgo. “Esta é a aposta de En Marea, unha aposta de futuro para que non quede ninguén atrás”.
O número dous ao Congreso pola provincia, Francisco Casal, destacou a necesidade de liderar a transición enerxética e ecolóxica. “Galicia ten vento, sol, auga, portos… É imposible non augurar un futuro de éxito económico, social e de dereitos nun país coma este. Temos todo para ser un dos países máis ricos de Europa baseándonos neses recursos. Poderiamos ter a enerxía máis barata de Europa. Non pode ser que as nosas industrias, como Alcoa, como Ferroatlántica, Megasa ou Celsa, que xeran miles de postos de traballo, estean en risco polos condicionamentos que o oligopolio eléctrico, apoiado polos governos de PP e PSOE, están impoñendo no modelo eléctrico”.
Casal denunciou as recentes actuacións do goberno do PSOE en relación á industria electrointensiva, e tildou de inaceptable a reducción das axudas que éstas reciben e a súa supeditación ao ornamento estatal, cando se trata de contías que proceden da recadación de impostos.
O candidato tamén destacou a necesidade de crear as condicións precisas para que empresas punteiras pidan desenvolverse axeitadmaente en Galicia. Casal puxo como exemplo “a empresa máis solvente en control de parques eólicos e novas enerxías, Isowat, con sede na Coruña. Non pode ser que estea a piques de liquidar porque os gobernos da Xunta e do estado non aportan o pulo preciso para buscar inversores e que esa empresa saia adiante”; indicou Francisco Casal. Que criticou unha diferencia de actitude que contrasta coa implicación que o goberno central si tivo ante problemáticas similares noutros puntos do estado.
Francisco Casal destacou as potencialidades do porto coruñés e a súa capacidade de converterse nun forte polo económico e de xeración de emprego. Algo que non está a conseguir pola “falla de saída e de conexións ferroviarias. “Como é posible que Rotterdan dea traballo a máis de 50.000 persas e os nosos portos non pasen dos 3.000 empregos?”, pregúntase o candidato, que aposta por traballar arreo para conseguir o investimento preciso para impulsar esas conexións portuarias. Algo que sería preciso conquerir con tan só “a quinta parte do que custa o AVE. En Marea é a garantía da coherencia e dun futuro para a industria galega”, concluiu.
Pola súa banda, a candidata ao Congreso, Mariló Candedo, amosouse ilusionada por participar dunha candidatura que quere poñer en valor os valores democráticos. “É necesario impulsar cambios de calado no Senado, que ten competencias en carácter lexislativo e de control do goberno. Unha Cámara que permitiu iniciativas como a reforma da Constitución que fixo posible o inicio da chamada época de austeridade, e que permitiu recortar en educación, sanidade ou políticas de emprego”.
A cabeza de lista pola Coruña ao Senado apostou porque Galicia poida ter “voz propia e soberana, para sermos proactivos na construción doutro modelo territorial de estado dialogado, dende o respecto mútuo e en pé de igualdade. Temos que estar no Senado para provocar a viraxe social que o PSOE por si só non é quen de conseguir”, indica Candedo. Que asegura que “a presenza de En Marea nas institucións do estado posibilitará orzamentos suficientes para políticas sociais e de igualdade, nunha perspectiva de rexeneracionismo democrático que quere axudar á conformación de maiorías de progreso e de xustiza social que poñan couto á radicalidade de políticas recentralizadoras e á volta cara á España en branco e negro”.