Estás aquí: Inicio » En Marea tacha de “decepcionantes, regresivos e antisociais” os orzamentos da Xunta 2019 cos que aseguran o PP consolida os recortes
O voceiro de En Marea, Luís Villares, fixo unha primeira valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano entregados no Parlamento de Galicia esta mesma mañá. Na súa intervención Villares lamentou que o Goberno galego destacase no propio titular da nota de prensa enviada aos medios de comunicación o crecemento do 3,8 por cento do orzamento respecto ao ano anterior, obviando especificar que o crecemento da economía situouse no 3,9 por cento, o que implica que o orzamento galego crece menos do que fixo a economía. Este feito tradúcese nunha menor capacidade para mellorar as condicións de vida da xente e non pasa de ser “un mero exercicio de propaganda”.
No apartado no que o Conselleiro de Economía, Valeriano Martínez, destacou a baixada dos pagos por xuros da débeda, o voceiro de En Marea deu os parabéns ao Goberno galego por incluír na súa estratexia de aforro as recomendacións de En Marea para acudir ao financiamento público e non como fixo Feijóo durante anos acudindo ao financiamento privado.
No relativo aos anuncios formulados polo Goberno galego en relación á fiscalidade, Villares asegurou que están a anunciar tres figuras irrelevantes para agochar unha medida insultante como é a rebaixa de imposto do Patrimonio para aquelas persoas que teñan máis de 700.000 euros. Durante a crise aumentou nun 453 por cento o número de millonarios no noso país e agora apostase por avanzar nunha liña de rebaixarlles os impostos. Así canto máis patrimonio se teña, maior será a rebaixa de impostos. “A propia Constitución recolle que os impostos teñen que ser progresivos pero a Xunta o entende ao revés facendo impostos regresivos, así mentres os que teñan patrimonios inferiores aos 106.000 euros terán unha rebaixa de apenas uns 50 euros, os que teñan máis de 700.000 euros o que deixarán de pagar superará os 40.000 euros”. “Esta medida non ten incidencia para a xente normal, só para os amigos millonarios do PP. Non temos porque ingresar menos para que Feijóo beneficie aos seus amigos con fortunas millonarias” declarou Villares.
En canto a recuperación do gasto público, o voceiro de En Marea salientou que temos 2.000 millóns menos que no 2009, exercizo anterior á recesion polo que se pode afirmar que estamos ante uns orzamentos “decepcionantes, regresivos e antisociais”.
Centrando a valoración en partidas concretas, Villares criticou a “behemencia” coa que se anuncian determinadas partidas que despois se deixan de executar como por exemplo as partidas de emprego que no exercicio anterior non se superou o 57 por cento da execución. O mesmo acontece na competitividade apartado no que En Marea destacou a súa insuficiencia que se suma ao baixísimo grao de execución que acada ano tras ano. Neste respecto, Villares advertiu tamén do risco de manter o retraso na execución dos fondos para Rozas que pode dar lugar a que se perdan os recursos de Europa e que supoñen contías multimillonarias.
Partidas como os 35 millóns que a Xunta destinará a rehabilitacion vivenda para o vindeiro ano, choca tamén coa execución do 3 por cento que se acadou do orzamento anterior.
O Conselleiro referiuse tamén na suá presentación do Orzamento 2019, a que esta era a lexislatura do rural algo do que unha vez máis dubida o grupo de En Marea se atendemos a realidade onde se están a pechar servizos fundamentais e non atopamos avance algún en temas como por exemplo a mobilidade.
No anuncio do Xunta da ampliación do permiso de maternidade a 24 semanas, En Marea agradece tamén ao Goberno galego que acollera a súa proposta presentada no Parlamento no mes de maio e que naquela ocasión contou co voto en contra do grupo maioritario do Partido Popular.
Outro dos anuncios destacados na comparecencia do conselleiro foi o relativo ao aumento dun 30 por cento das bolsas de excelencia o que fixo que o voceiro de En Marea preguntara onde estaba o aumento para o resto das bolsas. “Se non o anunciaron, debe ser que non existe” lamentou Villares que incidiu na necesidade de garantir o acceso á Educación de todas as persoas en igualdade de oportunidades.
Uns orzamentos restritivos e antisociais que en definitiva que consolidan os recortes.