Estás aquí: Inicio » En Marea súmase á loita das nais e país do IES de Brión e insta á Xunta a atender as súas xustas demandas
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e as deputadas Ánxeles Cuña, Flora Miranda e Luca Chao, a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas e o membro da coordinadora, Gonzalo Rodríguez, realizaron unha visita ao IES de Brión onde se entrevistaron coas nais e país pechados no centro para reclamar á Xunta que manteña o número de docentes que tiñan no curso escolar. Villares sinalou que a causa real desta situación, que non é exclusiva do IES de Brión, reside nos recortes impostos polo Goberno galego do Partido Popular. “Cando os recortes se producen en educación o que provoca é aumento de alumnado por aula, empeoramento da calidade educativa, menos atención a diversidade e menor oferta educativa e polo tanto empeorar a educación das nosas nenas e nenos. Cando se os recortes se producen en Sanidade o que acontece é como o que pasou na Estrada, que morre xente” explicou o voceiro de En Marea.
Esixe así un nexo común para o voceiro de En Marea que non é outro que “a baixa calidade democrática do Goberno de Núñez Feijóo fronte a loita das nais e pais que loitan por algo tan xusto como é unha educación digna para os seus fillos e fillas”
A deputada de En Marea no Parlamento de Galicia, Ánxeles Cuña, denunciou así mesmo que estes recortes están a afectar aos máis vulnerables como son os alumnos e alumnas de terceiro da ESO con necesidades educativas especiais e no caso do alumnado de bacharelato aos que lle reducen a optatividad. Así mesmo, puxo en valor o modelo de xestión e resposta por parte da ANPA do IES de Brión con 200 familias implicadas e a dirección do centro que asegurou está funcionar con absoluta coherencia.
A deputada Luca Chao pola súa banda anunciou que o grupo parlamentario de En Marea levará ao vindeiro pleno para que o Conselleiro dea contas sobre o que está a suceder no IES de Brión pero que é un exemplo máis do que está a acontecer en moitos centros do país. Destacou tamén as reiteradas denuncias de En Marea no Parlamento de Galicia polas pésimas consecuencias que están a ter os recortes en Educación con aumento dos ratios por aula o que afecta de xeito negativo na calidade educativa. “Se chegou a recuperación económica, ista ten que chegar ás aulas públicas do noso país e non so aos centros privados como está a acontecer” concluíu Luca Chao.