Estás aquí: Inicio » En Marea súmase á campaña “En marcha polo clima”
Na visita realizada ás instalacións do Rainbow Warrior III durante a xornada de portas abertas, o voceiro de En Marea, Luís Villares, e integrantes da dirección mantiveron unha xuntanza coa tripulación na que comentaron diversas propostas e alternativas urxentes contra a crise climática.
O obxectivo desta xornada é achegar á cidadanía a campaña “En marcha por el clima”, que baixo o lema “Cambia la Energía no el Clima”, denuncia as graves consecuencias do cambio climático e informa das opcións dispoñibles para a participación cidadá activa na transición enerxética.
O Rainbow Warrior III non so é un barco, é un símbolo, que trae unha mensaxe clara: so queda unha marxe de once anos para conter o cambio climático. Trae tamén, unha estratexia de enerxía alternativa que difundir entre a cidadanía.
Nunca ata agora navegara en Galicia, mais, segundo manifestaron, Galicia é icónica para Greenpeace e pode liderar o cambio en canto a solucións para pasar dos combustibles fósiles a enerxías renovables.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, reiterou no Rainbow Warrior a intención da formación de levar ao Parlamento a declaración de emerxencia climática para Galicia e promover iniciativas políticas que aposten claramente polas enerxías renovables, en total consonancia co manifestado polo persoal de Greenpeace.
“Estamos en estado de emerxencia, temos que actuar, temos que facelo de xeito colectivo”, asegurou Villares durante a visita á embarcación, “non podemos perder máis tempo”. É preciso implementar xa accións urxentes contra a crise climática. “Respaldamos unha idea básica: temos que rematar coas fontes de enerxía baseadas nos combustibles fósiles, que son os principais responsables do cambio climático a nivel de todo o planeta”.
“Galicia ten todo por facer”, aseveraba Villares, “o goberno de Núñez Feijoo non desenvolveu ata agora os mapas de transición enerxética, non hai unha preocupación real por modificar as fontes de enerxía que hai no nosos país, non hai preocupación polos transportes públicos, pola enerxía da que se abastece a nosa industria, polo tanto, iso ten que cambiar”.