Estás aquí: Inicio » En Marea reivindica políticas municipais que favorezan a creación de emprego e o asentamento industrial
En Marea reivindica políticas municipais que favorezan a creación de emprego e contribúan activamente a mellorar a calidade de vida da cidadanía en todos os Concellos galegos. O voceiro achegouse este sábado ata Ferrol onde, acompañado do candidato á alcaldía de Marea de Ferrol, Bernardo Lorenzo, lembrou todas as oportunidades que esa cidade leva perdido e avogou pola posta en marcha de iniciativas que promovan o asentamento industrial.
Luís Villares achegouse este sábado ata o mercado ferrolán da Magdalena para conversar cos vendedores e coa cidadanía. Alí o voceiro de En Marea destacou a “clara vocación industrial” dunha cidade que precisa de incentivos dende o ámbito municipal. “Por iso a Marea de Ferrol está comprometida coa creación dun viveiro de empresas que permita promover espazos de ámbito local capaces de seguir xerando oportunidades de emprego”, explica Villares. Que reivindica administracións locais activamente involucradas coas políticas laborais.
Villares lembra as fortalezas coas que xa conta a área ferrolá, con sectores “que xa son fortes, como todo o que ten que ver co naval, coa eólica mariña, ou cun tecido productivo que ten carácter industrial e non pode abandonar a ría. É fundamental que o Concello se implique para facilitar o asentamento de empresas relacionadas con eles”.
O voceiro de En Marea aposta pola colaboración entre administracións para fomentar ese asentamento industrial. Algo que ata o momento non está acontecendo. “Na cidade de Ferrol o PP tivo oportunidades de mellora dende a Xunta de Galicia que deixou perder. Por iso facemos un chamamento á cidadanía decepcionada, tanto co goberno actual como con gobernos anteriores, que ten na Marea de Ferrol unha alternativa de ilusión e coherencia”.
Luís Villares lembrou a decida aposta de todas as Mareas mancipáis pola “promoción do emprego, a remunicipalizacón de servizos esenciais e a participación cidadá, marcas distintivas” de todas as formacións que concorren ás próximas eleccións municipais baixo o paraugas de En Marea. “Quero chamar especialmente a atención sobre o PP, que parece pensar que por presentar á alcaldía de Ferrol unha persoa que foi conselleiro vai ter algún tipo de oportunidade”. Nese senso, Villares ollou cara a Ourense para lembrar que “o único goberno dunha cidade do PP na anterior lexialtura non conseguiu sacar adiante uns orzamentos e tivo serios problemas de xestión. Pensamos que é hora de ofrecer unha alternativa progresista capaz de ser chave de goberno para que a cidade de Ferrol non quede atrás nin se vexa perxudicada unha vez máis por políticas de abandono da ría”, asevera o voceiro.
Renda básica e plan de mellora dos mercados
Luís Villares tamén destacou a clara aposta de En Marea pola xustiza social, e reivindicou a necesidade de implantar rendas básicas de carácter municipal “para que a xente en risco de pobreza ou exclusión social teña posibilidades de saír adiante”. Na mesma liña, puxo en valor o Plan público de vivenda conveniado con outras administracións que a Marea de Ferrol inclúe no seu programa electoral, así como iniciativas para rematar coa pobreza enerxética. “Unha serie de necesidades que precisan ser atendidas, e que ata agora non se están cumprido”.
Pola súa banda, Bernardo Lorenzo amosouse ilusionado coa posibilidade de acadar o goberno local despois do día 26. O candidato de Marea de Ferrol denunciou o estado de abandono dos tres mercados municipais e reivindicou a necesidade de actuacións que, dende o municipal, contribúan á mellora e posta en valor dos abastos locais e do comercio de proximidade. “Cremos que vai sendo hora de abrir unha interlocución clara cos mercados, poñer en marcha un plan de mantemento para que os pequenos detalles dos que se debe ocupar o Concello non sigan véndose desatendidos, e que se faga coa participación da xente”.