Estás aquí: Inicio » En Marea reivindica en Valga administracións transparentes e ao servizo da veciñanza
En Marea defende a necesidade de garantir administracións transparentes, libres de prácticas clientelares e ao servizo da cidadanía. É a mensaxe que o voceiro e a vicevoceira, Luís Villares e Ana Seijas deixaron este sábado en Valga, ata onde ambos se desprazaron para participar na presentación da candidatura de Valga Viva para os próximos comicios locais.
En Marea quere que a vindeira cita electoral sirva para desterrar calquera sombra de corrupción ou política clientelar das administracións locais. Así como para garantir o pulo de gobernos abertos, transparentes e radicalmente democráticos; comprometidos coas necesidades e demandas da súa veciñanza e capaces de contribuír activamente ao benestar e a mellorar a calidade de vida do conxunto da cidadanía.
Fronte ao Concello de Valga, e acompañado polo candidato á alcaldía Manuel Castiñeiras e polos demais membros da lista de Valga Viva, Luís Villares reivindicou un proxecto que traerá aire fresco á localidade. E que, como todas e cada unha das mareas municipais espalladas polo territorio galego, defenderá servizos públicos de calidade e a desmercantilización de bens básicos como a auga. “Os principios de rexeneración democrática, de loita contra a corrupción, así como o principio de transparencia e participación nas institucións, foron claves para chamar á participación nas Mareas municipais nos últimos anos. Un espíritu que tamén fixo posible levar a Compostela Aberta ao goberno de Santiago despois de tres alcaldes do PP condenados por corrupción. Ese é o mesmo espíritu que nos leva agora a participar activamente para impulsar a candidatura de Valga Viva”, reivindica o voceiro de En Marea.
Luís Villares puxo en valor unha candidatura que quere desterrar definitivamente as prácticas clientelares e enchufistas do goberno local de Valga. Prácticas que “son ben coñecidas dentro e fóra do Concello”. Fronte a ese tipo de políticas, En Marea respalda un modelo de xestión que poña as institucións ao servizo da cidadanía e que de ningún xeito permita o uso amiguista de recursos públicos, o cobro indebido de comisións, ou a utilización do público en beneficio do privado. “Prácticas habituais en Valga, igual que en Vilanova de Arousa, co goberno de Gonzalo Duran, e que nos levaron á xente do común a tomar a iniciativa para entrar en política. A cidadanía de Valga merece algo mellor. Existe un fartazgo xeralizado, e é hora de que entre aire fresco no Concello e de que en Valga exista unha alternativa realmente democrática e cidadá, que pense no ben común”, destaca Villares, que reclama limpeza democrática e igualdade de condicións.
“Os que integrades esta candidatura formades parte desa cidadanía farta da falta de alternativas políticas”, afirma Villares, que pon en valor os valores compartidos por todos “os que cremos que merecemos algo mellor para este Concello e para o País”.
Ana Seijas reivindicou a oportunidade e o desafío que supoñen as próximas eleccións municipais. Unha cita na que a cidadanía terá a oportunidade de apostar por proxectos políticos como o de Valga Viva, comprometidos co benestar da veciñanza e co impulso de políticas que garantan unha vida digna.
“As eleccións do 26 de maio representan unha fiestra de esperanza para consolidar e extender territorialmente unha alternativa para Galicia, de abaixo arriba, pondo ás persoas no centro das políticas, traballando a prol das maiorias, da xustiza social e coa mirada no ben común. Estas eleccións deben servir para poñer os Concellos ao servizo da xente, para que o cambio que precisamos se plasme en proxectos máis fraternos, que atenden ás necesidades reais da poboación e superen os medos e as barreiras que moitas veces nos impoñen. Porque non nos resignamos. Necesitamos rematar coas políticas escuras de costas ás persoas, e mudadas por políticas participativas, radicalmente democrática, xestionando as institucións ao servizo das maiorías sociais”, reivindica a vicevoceira de En Marea.
Ana Seijas destacou o avance que as mareas municipais teñen experimentado nos últimos anos; e que se traduce nun longo listado, formado por case un cento de formacións que hoxe practicamente duplican a cifra das que concorreran aos anteriores comicios locais. A vicevoceira puxo en valor espazos abertos como Valga Viva, a través dos cales En Marea quere impulsar Concellos comprometidos co impulso dunha sociedade “igualitaria, inclusiva, participada, democrática, ecolóxica e que cre en si mesma”. E reivindicou a necesidade de apostar de xeito decidido por políticas feministas que fagan posible a igualdade real entre homes e mulleres.